Luns. 29.04.2024
El tiempo

2ª Autonómica: Os de arriba non perdoan

2ª Autonómica: Os de arriba non perdoan
Sofan-Fisterra-Foto-SD Sofan Bazarra patrocina as crónicas do ACB Costa da Morte - Coñece as nosas ofertas en neumáticos

Segue a cousa moi aberta no alto da táboa da 2ª Autonómica. O Sofán mantense líder tras superar un escollo importante como é o Fisterra, un cadro verde que aínda non quere dicir adeus ao campionato. Por detrás, o Zas con 2 puntos e un partido menos tras superar ao Buño. Outes e Corme tampouco fallaban e se manteñen moi preto a 3 e 4 puntos respectivamente.

Pero é que ata o 9º, o Castriz, parece que aínda hai opcións de meterse. O cadro xalleiro queda a 13 puntos do liderato pero onte dicía que aínda ten esperanzas ao vencer a un Cee que queda a 7 do Sofán. O Carnota segue aí coma quen non quere a cousa, igual que o Buño.

Por abaixo caían todos, e só a vitoria do Mazaricos sérvelle para sacar a cabeza.

Sofán - Fisterra (3-1)

  • SOFÁN: Lerma, Javi, Cantudo (Pablo Martínez, min.65), Eloy, Marcos Pensado (Diego, min.70), Jorge Calvete (Míchel, min.75), Martín, Iván Rojo (Brais, min.65), Iván Rey (Santi, min.80), Bertín e Raúl.
  • FISTERRA: Joselu, Robertín, Dani, Manín, Julito, Cartamil (Munitis), Tati, Bebeto, Guardiola, Aitor e Naranjo (Hidalgo).
  • Goles: 1-0, min.58: Raúl de cabeza tras un saque de banda; 2-0, min.63; Bertín cun golazo; 3-0, min.68: Raúl; 3-1, min.85: Aitor.

10 minutos bastaron para que a SD levase o partido máis igualado da xornada. Foi un choque moi trabado, entre dous equipos que se respectaban demasiado que na primeira metade non permitiron apenas ocasións. Robertín probou a Lerma que respostou cunha gran intervención, mentres que Javi remataba unha falta ao longueiro para os locais, e Marcos Pensado mandaba un corner directo tamén ao traveseiro.

Pedía penalti a SD por unha xogada ao comezo da segunda metade, mentres que Cartamil podía ter aberto o marcador. Pero chegou a páxara fisterrá, e en 10 minutos a SD facía 3 goles consecutivos que marcaban o partido. Non reaccionaba o Fisterra ata que Aitor, demasiado tarde, recurtaba.

Camelle - San Lorenzo (3-2)

  • CAMELLE: Dido, Matías, Ángel, Chuchi, Javi, Mario, Suker, Miguel Ribeiro, Adrián da Barca, Sergio, Barreiro.
  • SAN LORENZO: Puyol, Rubén (David, min.55), Adrián, Anxo, Casillero (Germán, min.65), Cachizo, Schuster, Fuentefría, Joaquín (Zeus, min.85), Dani e Javi (Eloy, min.55).
  • Goles: 1-0, min.4: Miguel Riveiro; 2-0, min.15: Barreiro; 2-1, min.30; Fuentefría de falta directa en plan centro-chut que se acabou colando; 2-2, min.33: Joaquín define ben no man a man; 3-2, min.65: Barreiro.
  • Expulsión: o visitante Eloy no min.92.

Partido moi igualado o disputado o sábado no Rodeiro, con moita brega e balóns arriba. O cadro local comezaba mandando e no primeiro cuarto de hora se metía con 2-0 cos tantos de Miguel Riveiro e Barreiro. Pero o San Lorenzo non se deu por vencido e á media hora era capaz de empatar en dúas xogadas case que consecutivas.

A segunda foi de brega continua. Era o Camelle o que se volvía adiantar por medio de Barreiro, e aí o San Lorenzo comezaba a facer o seu xogo, con balóns colgados de todas as cores que meteu ao Camelle dentro da súa área. Puido chegar o empate en varios rebumbios a balóns colgados dos de Verdillo, pero Germán, Cachizo ou Schuster non acertaron a machacar tras varios rexeites. Se cadra un empate tería sido máis xusto, pero o Camelle suma 3 puntos que o alonxan da zona perigosa.

Volantes - Corme (2-3)

  • VOLANTES: Iago, Miguel, Jose, Álvaro, Juan, Pardelo (Edu, min.75), Martín, Adri (Gabi, min.65), Cajulo (Seluco, min.50) e Ivi (Piru, min.83).
  • CORME: Suso, Adolfo, Alejandro, Dani (Chino, min.58), Jesús, Toniño, Sergio (Alejo, min.55), Diego (Manu, min.70), Juan Chans, Lucas e Brais.
  • Goles: 0-1, min.15: Juan Chans; 1-1, min.40: Ivi de penalti; 1-2, min.42: Juan Chans nun rexeite; 1-3, min.53: Toniño tras forcexear coa defensa; 2-3, min.77: Seluco o tras un córner.
  • Lesións: o cormelán Dani.

Vitoria do Corme ante un Volantes que intentou responder aos envites azulóns. Parece que o cadro cormelán está collendo a forma e superou a un bo Volantes.
Adiantábase pronto o Corme pero Ivi empataba cun penalti protestado polos cormeláns. E sen tempo, e xusto antes do descanso Juan Chans facía o segundo que daba vantaxe aos visitantes.

Ao comezo da segunda metade tivo o Volantes o 2-2 pero Suso salvou por dúas veces ao seu equipo. E pronto Toniño abría a fenda mentres o Corme seguía controlando. O Volantes presionaba moito á saída do balón e foise estirando, pero non chegou para acadar o empate.

Dúas voltas esperadas viviu a segunda metade. Volvía Alejo tras un lesión no Corme, e aínda tivo unha á reviravolta. E por bando local volvía Seluco tras moitos meses adicados ao Zumba, e mesmo marcaba o 2-3 que achegou ao Volantes a un empate que non chegaría.

Porteño - Muros (3-1)

Porteno-Muros-Foto-Porteno
  • PORTEÑO: Bonano, Pejo, Iago, Maikol, Caamaño, Doyle, Darío, Cristian (Cousillas, min.55), Varela (Gabi, min.80), Brais (Meu Lar, min.46) e Isma.
  • MUROS: Fabio, Carocho, Juan Rey, Pelos, Iván, Gelo, Saúl, Dani (Trozo, min.46), Yanki, Sexo, Gabo.
  • Goles: 0-1, min.30: Sexo: 1-1, min.44: Varela; 2-1, min.75: Varela; 3-1, min.80: Ismael de penalti.
  • Expulsión: Juan Rey no min.80.

Pouco fútbol nun choque moi físico, nun campo complicado, e con poucas ocasións, que sacou o Porteño adiante por empuxe e por gañas. O Muros chegaba tocado de efectivos e o pagou. Pois se metía por diante o cadro de Nieto cun tanto de Sexo. Respondía o cadro local e Brais tiña un man a man mentre que Pejo e Darío mandaban dous tiros ao longueiro moi semellantes, que non serviron para anular o gol inicial dos celestes. Pero ao fío do descanso chegaba a xogada clave, o gol do empate que daba ás aos locais.

Na segunda continuaba igualado o partido pero foi o cadro local o que metía unha marcha máis para facerse co partido con dous tantos no treiro final.

Banco do Porteno ante o Muros-Foto-Porteno

Castriz - Cee (3-1)

  • CASTRIZ: Juan, Martín (Esteban, min.46), Alberto, Álex, Chinda, Pose, Bruno (Sergio, min.65), Cili, Agra, Luís (Balsa, min.87) e Pichín (Fabio, min.84).
  • CEE: Cee: Parroto, Nico, Jorgito, Fiuza, Carlos Leis, Piquero, Angeliño (Jacobo. min.72), Yayá (Lamela, min.46), Penedo (Rodri, min.80, Diego Cespón e Josiño (Cristian, min.65).
  • Goles: 1-0, min.15: David Pose; 1-1, min.32: Carlos Leis tras un córner botado por Penedo; 2-1, min.50: Pichín; 3-1, min.84: Luís.

Entretido encontro en disputado é San Pedro de Castriz onde o equipo local aproveitou mellor as súas chegadas para levarse o encontro. Unha vitoria importante para os de Corredoira que aínda lle dá esperanzas de poder colarse na loita, estando aínda, iso si, a 13 puntos do liderato.

Dominou o Castriz a primeira metade, pero as poucas ocasións de gol foron rpartidas e o gol ao cuarto de hora de David Pose foi anulado polo de Carlos Leis á media hora de xogo. Fiuza e Yaýa puideron adiantar aos de Floreal antes do descanso pero non tería sido xusto tralo visto no campo.

Volvía o Castriz mandar no comezo da segunda e pronto Pichín adiantaba aos rossoneros. O Cee intentaba a igualada buscando balóns directos pero foi nos últimos minutos Luís quen sentenciaba o partido.

Mazaricos - Indep. Carballo (3-2)

Mazaricos-IDC-Foto- Sara Ramos
  • MAZARICOS: Pejo, Chico, Martín, Ramón, Estéfano (Casais, min.76), Rodri, Ricardo, David (Oreiro, min.55), Esteban, José Ángel (Sandelo, min.81) e Kevin (Molinos, min.55).
  • IDC: Noé, David, Belar, Seo, Yoni, Cholo, Mario, Manu, David e Juni.
  • Goles: 1-0, min.10: Esteban; 2-0, min.25: José Ángel; 2-1, min.50: Juni; 3-1, min.60: Oreiro; 3-2, min.69: Mario de penalti.

Aínda non chegaron os Reis a Carballo, e Rafa tivo que xogar con 10 dende o comezo ante a falta de efectivos. Así e todo acabou pedindo a hora o Mazaricos, que tras facer un bo partido deixouse ir no treito final dando vida aos carballeses.

Con Álex Romero recuperándose dos problemas de saúde no Nadal, o Mazaricos acadaba unha vitoria moi xusta, ante un coxo IDC.Non foi bo partido, e ademais o campo pesado non permitía demasiado. 2-0 ao descanso, case sen querer, cunha cómoda primeira metade para os amarelos. Pero na segunda baixou o ritmo o Mazaricos, relaxouse e púxose nervioso ao mesmo tempo, e o IDC apretou, roubando na zona de arriba e facendo perigo en varias contras. Aínda acabou pedindo a hora o cadro local.

Carnota - Cabana (3-0)

  • CARNOTA: Luís De la Peña, Ferreiro, Tono da Caixa, Manolo Chouza, Pedro Pichín, Fernando (Poyo, min.85), Pablo Beiro (Urko, min.83), Nakata, Pumuky, Rodrigo, Manuel Luís (David, min.78).
  • CABANA: Añón, Isma, Iván de Treos, José, Charli, David Sande (Eloy Pereira, min.60), Fariña (Manolo do Cruceiro, min.75), Eloy Vilas, Berti (Raúl, min.55), Josiño, Sandro (Fernando, min.70).
  • Goles: 1-0, min.33: Ferreiro de penalti; 2-0, min.40: Manuel Luís; 3-0, min.75: Ferreiro de penalti.

Antes do descanso sentenciaba o Carnota o partido ante o Cabana. Un partido que vencía con 2 penas máximas ante un Cabana que prantou cara pero non foi quen de levantar o resultado nunha igualada segunda metade.

Zas - Buño (4-1)

  • ZAS: Anxo, Martín, Pereiro (Amado, min.65), Oliver, Víctor (Faián, min.60), Canedo (Pablo Fuentes, min.70), Peke, Pablo Lestón, David Blanco (Samuel, min.40), Rubio, Lagoa.
  • BUÑO: Brais, Eloy, Rubén, Alfredo (Casais, min.60), Iago, Dani, Miguel Dourado (Secundino, min.60), Diego (Martín, min.75), Charro, Gurita, Fran Borrazás.
  • Goles: 1-0, min.3: David Blanco tras unha xogada trenzada que Rubio cebe atrás; 2-0, min.44: Samuel tras un saque de banda que peitea Canedo; 3-0, min.55: Pablo Lestón nunha contra con Rubio e Samuel; 4-0, min.60: Lagoa tras un cambio de orientación de Canedo; 4-1, min.70: Charro de punteira.

Partido igualado en San Andrés, pero os goles foron dos locais que endosaron demasiada goleada para o visto no campo. Encarrilou o Zas moi rápido o partido, pero o Buño empezaba a meter ao Zas no seu campo. Cando mellor estaba o Buño, ao final da primeira metade e Miguel Dourado rematou ás mans do porteiro un centro de Charro, e na seguinte xogada Samuel facía o segundo para os locais.

A segunda metade saía o Buño moi enriba e Miguel Dourado marraba un man a man claro, e de novo na seguinte xogada, pasouse do posible 2-1 ao 3-0, que mataba o partido. Só co 4-0 Charro recurtaba e Fran Borrazás mandaba ao longueiro un tiro.

Aínda non hai data para o Mazaricos-Zas pendente da x.17, pero o Zas segue á caza do líder.

Outes - Corcubión (6-2)

  • OUTES: Gato, Borja, Arturo (Saúl, min.75), Chúa, Rubén, David, Martín, Chía (Jurado, min.70), Elías (Poke, min.60), Barral (Piki, min.55), Migui.
  • CORCUBIÓN: Perlón, Checho, Senra, Toja, Trillo, Alán, Edu, Alberto (Lucas, min.80), Brais, Balucho, Mario.
  • Goles: 0-1, min.6: Mario; 1-1, min.15: Chúa; 1-2, min.30: Mario de falta; 2-1, min. 60: Piki; 3-2, min.70: Elías nun centro chut; 4-2, min.75: Elías; 5-2, min.80: Chúa; 6-2, min.86: David.

Volve o Outes á caza do liderato tras romper unha xeira de 4 derrotas consecutivas. 4 derrotas que dan conta da importancia no equipo de Manu Roque de Arturo, o capitán, que saía mancado vencendo por un 1-3 no descanso en Cee, partido que acababa perdendo o cadro da Serra coma os 4 seguintes choques. Onte voltaba Arturo demostrando a importancia do capi, non só futbolísticamente, senón tamén animicamente.

E iso que o Outes tivo que levantar o partido por dúas veces, e iso que comezaba dominando e tendo ocasións. Non entraban as locais e si as visitantes, cun Mario moi acertado que a cada tiro marcaba. Ao descanso marchábase cunha vitoria visitante que non daba conta do que pasaba no campo.
Pero na segunda o Outes foi un vendabal, e o Corcubión demostrou a liña na que se atopa de 6 partidos sen gañar e aló no pozo, pois cando recibiron o empate xa parecía que perderan todas as opcións.

Pouco puideron facer as dúas novas fichaxes da UD Corcubión. Dúas moi boas fichaxes, de xente da casa xa con experiencia en Preferente como son Brais Lado, que volveu do seu periplo persoal por Londres, e de Martín Toja, que tralo seu paso polo Dumbría buscan minutos no Cubaleiro.

Ambos encontraranse de novo na Copa.

Corcubion ficha a Brais e Toja

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Fonte

Comentarios