Martes. 19.03.2024
El tiempo

O BNG de Laxe comprométese a negociar coa propiedade o desenvolvemento urbanístico do Campo do Escaravello

Campo Escaravello valado
O BNG de Laxe comprométese a negociar coa propiedade o desenvolvemento urbanístico do Campo do Escaravello

 

É o Campo do Escaravello un dos grandes cabalos de batalla a nivel municipal no Concello de Laxe, un problema que vén de vello polos desencontros entre a propiedade e os gobernos. Ese espazo privado privilexiado, en primeira liña de costa, que ninguén se atreve a afrontar.

Desta volta é o Xosé Manuel Pose Lema, o que vén de presentar unha proposta técnica que considera a única vía posible para desbloquear o desenvolvemento urbanístico do Campo do Escaravello. O candidato do BNG á alcaldía de Laxe comprométese a "asumir e levar a bo porto a necesaria negociación coa propiedade, de maneira que ese desenvolvemento urbanístico satisfaga os intereses de ámbalas partes”, porque "a única solución posible implica que o Concello de Laxe chegue a un acordo de deslinde coa propiedade dos terreos lindeiros, de xeito que o límite da cada parcela do ámbito quede perfectamente definido, para posteriormente poder acometer o desenvolvemento urbanístico previsto no PXOM do 2009".

O portavoz nacionalista lembra que "14 anos despois da aprobación do PXOM segue pendente a aprobación definitiva do documento polo incumprimento, por parte do Concello de Laxe, da sentenza do TSXG pola que se anulou a clasificación dos terreos como solo rústico de protección de costas e ditouse a obriga de clasificalos como solo urbano consolidado". “A día de hoxe nada fixo o Concello de Laxe por darlle cumprimento a esta sentenza”, expón.

Pero ademais no PXOM incluíuse un desenvolvemento que supoñía unha edificabilidade “excesiva”, sen ter en conta a normativa sectorial de Costas ou de Augas, de aplicación nese ámbito.

Lembran o último suceso en 2021 cando o Concello de Laxe cando este último ordenou a demolición dun peche para o que previamente concedera permiso co argumento de que se invadira solo municipal. “Evidentemente expón o informe técnico encargado polo BNG o Concello de Laxe, por deixades, falta de medios profesionais, mal asesoramento ou simplemente por ignorancia, primeiramente autorizou as obras, e, unha vez feitas, dixo ter comprobado que invadían a parcela municipal lindeira. Pero nunca se deslindaron as referidas fincas”.

"Fronte a un goberno municipal que non velou polos intereses veciñais e leva anos enfrascado en preitos, dende o BNG avogamos pola negociación e o acordo coa propiedade para poder rematar dunha vez por todas cun conflito que nunca debeu producirse e recuperar o Campo do Escaravello para o uso e desfrute de toda a cidadanía".

Comentarios