Xoves. 09.07.2020
El tiempo

José Luís Pérez Añón nos #DirectosQPC: “Esperamos que o 17 de agosto si que se poida celebrar o Naufraxio”

José Luís Pérez Añón nos #DirectosQPC: “Esperamos que o 17 de agosto si que se poida celebrar o Naufraxio”

Este martes 16 de xuño continuamos coa rolda de alcaldes e alcaldesas pola comarca, preguntando como poden axudar os Concellos a paliar a crise. Estivemos, virtualmente, en Laxe, falando co popular José Luís Pérez Añón, un deses alcaldes aos que verdadeiramente non lles gusta saír na prensa, pero que si estivo en primeira liña de batalla contra o covid, tanto dende o concello como no seu posto de médico no Centro de Saúde.

En clave económica recoñeceu que o Concello, dada a mala situación económica que atravesa dende hai moitos anos, só pode chegar a retirar as taxas das terrazas e permitir a súa ampliación, se ben si intentará axudar noutras cousas que os hostaleiros propoñan.

Sobre a chegada de turistas de fóra, e esa necesidade de compaxinar a necesidade de que os establecimentos hostaleiros fagan unha boa campaña co medo ao contaxio da veciñanza, sinalou que o Concello, que considera positiva e necesaria a chegada, pouco máis pode facer que poñer carteis informativos e que a Policía Local controle que se cumplan as distancias.

En clave de conciliación, o Concello espera que se aprobe a subvención da Xunta para facer actividades culturais (non deportivas ao aire libre).

Infraestruras

Son moitos os proxectos en marcha en Laxe. O dragado, esa obra tan demandada dende hai anos, porase a tope (co tren de fondeo) do 1 de xullo ao 31 de setembro, e conta con ter rematado en 2021, pois é un proxecto bianual. “Non creo que sexa un parche, custando 3 millóns de euros”, valora sobre os que dubidan da súa efectividade.

Apuntou que o aliviadero para a separación de pluviais na rede de saneamento xa feita evitará as inundacións xa para este vindeiro outono.

Sobre a urbanización do Escaravello, sinalou que o concello está a favor do proxecto, e que loitará coa Xunta para levalo adiante.

Sobre os aparcamentos espera que coas dúas parcelas que xa lle deixaron ao concello o ano pasado sirvan para aliviar e non ter que tomar medidas para evitar “embotellamentos”.

Camiño dos Faros

Asegurou considerar o Camiño dos Faros como un foco importante de chegada de visitantes, e asegurou que se vai desbrozar todo o trazado así como os sendeiros homologados que ten aprobados o termo municipal. Sinalou non comprender a actitude do seu homólogo cabanés.

Praias e Penedos

Valorou o esforzo realizado pola consecuón da Bandeira Azul na praia de Laxe, e avanzou que quere seguir falando con Costas para acondicionar un espazo para autocaravanas na praia de Soesto (“é un lugar idóneo”). En todo caso, este verán tocará controlar lixeiramente o correcto uso da zona, para que poidan estar pero non acampar.

Sobre o proxecto dos Concellos de Laxe e Vimianzo de posta en valor dos Penedos de Traba e Pasarela explicou que xusto a reunión coa Conselleira de Medioambiente e a visita dos técnicos da Xunta quedou adiada pola pandemia.

Proxectos Culturais

Sobre o tesouro do Arquivo Vidal indicou que están pedindo unha subvención para poñer máis paneis no Museo do Mar e para poder facer os traslados cunha maior conservación, unha vez que son continuas as peticións que lle están facendo para exposicións por toda Galicia.

Ademais, o rehabilitación do muíño Manolo do Rei ten aprobado a reforma do acceso, e na segunda fase se realizará a rehabilitación do propio muíño.

Naufraxio… Si!!

Unha das sorpresas da entrevista quedou para o final, pois deixou entrever que este ano pode que si que haia Naufraxio. “A ver como chegamos ao 17 de agosto, pero a min gustaríame que houbera procesión, e eu espero que si que o 17 de agosto si que se faga algo”.

Novas relacionadas

Rolda de alcaldes e alcaldesas nos DirectosQPC

comentarios