Critican a inacción municipal nos problemas co tráfico en Malpica
Non son moi habituais os problemas de tráfico nas nosas vilas, pero ás veces hai zonas céntricas que sofren certos atascos. Así o denuncia o BNG de Malpica, que constata “con desagrado unha e outra vez a desidia do goberno municipal para resolver os problemas de tráfico, especialmente nas zonas que requiren especial atención”.
Indican que “na rúa de acceso ao centro de saúde (rúa Ramona Criado), por exemplo, sobre todo polas mañás, segue sen tomarse medidas para disuadir de aparcar a cidadanía e, o que é máis grave, segue sen atenderse a petición formal do persoal sanitario para crear algunhas prazas específicas para evitar retrasos innecesarios nos desprazamentos urxentes desde o centro de saúde, que se agravan no verán (ás veces o médico debe realizar unha saída de urxencia e ten que ir ata o final do porto buscar o coche…)”.
O BNG xa “esixiu a regularización do tráfico e as medidas correctoras precisas e tamén o persoal sanitario enviou comunicado á prensa xa hai unhas semanas”. E insta ao responsable de tráfico do Concello “a atender inmediatamente estas peticións que son para beneficio e seguridade dos veciños e veciñas”.
Fonte
- Nota de Rosario Fernández Cancela, portavoz do BNG de Malpica.