A Igrexa de Mens acolle a presentación do libro "Cantareiras" de Xosé Manuel e Icía Varela

O libro Cantareiras (Xerais, 2025), dos malpicáns Icía Varela e Xosé Manuel Varela, preséntase este sábado 22 de febreiro ás seis da tarde na igrexa románica de Santiago de Mens. A entrada ao acto é libre ata completar aforo.
Á parte dos autores, a mesa de presentación estará composta polo alcalde de Malpica, Eduardo José Parga Veiga; a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro Novo; o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez; e o presidente de honra da Agrupación Folklórica Aturuxo, Manuel Fernández Pensado.
Contarase ademais coa presenza da totalidade das familias do grupo de bailadores e pandeireteiras que formaron parte da A. F. Aturuxo durante vinte anos.
Esta actividade marcará o punto de partida dun amplo programa das Letras Galegas que o Concello de Malpica desenvolverá ao longo de todo o ano, pois desde o consistorio organizarán varias actividades coas que se queren honrar o mundo das mulleres pandeireteiras, en xeral, e As Vellas de Mens, en particular.
Cantareiras
CANTAREIRAS é un volume divulgativo sobre as pandeireteiras elixidas pola Real Academia Galega para homenaxear nas Letras Galegas 2025. O volume inclúese na colección Libro X de Edicións Xerais de Galicia e apareceu no mercado o pasado 13 de febreiro en versión papel e en epub. Comercialízase tanto en librerías tradicionais como na rede. Na semana da súa aparición foi o libro galego máis vendido en Amazon durante varios días. Na actualidade está esgotado e a editora procederá a reimprimilo de inmediato.
CANTAREIRAS estrutúrase en catro partes. Unha primeira introdutoria onde se realiza un percorrido sobre a poesía oral galega desde os Séculos Escuros ata a actualidade. O tres seguintes capítulos están dedicado ás “Vellas de Mens”, Eva Castiñeira de Muxía e a Adolfina e Rosa Casás de Cerceda.
Mais non só se centra nesas mulleres elixidas pola Academia senón que afondan na contorna rural e sociocultural na que se desenvolveu a súa vida persoal e artística. Inserido entre capítulos realízase ademais un percorrido pola presenza de Dorothé Schubarth en Malpica de Bergantiños e na Vila da Igrexa nos anos 80 cando recolleu a estas informantes para o Cancioneiro popular galego.
Para a preparación do volume os autores acudiron a informantes de ámbito familiar mais tamén a persoas clave que rodearon estas mulleres á hora ocupar un espazo importante no ámbito musical galego.
Hai tamén unha pescuda musical cunha contextualización de todas as pezas legadas por estas pandeireteiras tanto xurdidas na súa época como a súa interpretación no presente por músicos como Leilía, Xabier Díaz, Milladoiro, Aturuxo, Luar na Lubre, Os Carunchos ou Pinto de Hérbón. Con isto descóbrese que todas elas teñen unha gran presenza no actual panorama musical galego.
- Icía Varela (Malpica, 2000). Filóloga. É fundadora do grupo Arredores, co que publicou o disco Ecdise (2024). Subiu aos escenarios con SÉS, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Cassandra ou Xosé Manuel Budiño. Como solista, actuou no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) e no Celtic Connections de Glasgow (Escocia).
- Xosé M. Varela (Malpica, 1967). Docente e fundador da Fundación Eduardo Pondal, é un activo dinamizador de iniciativas culturais na Costa da Morte. Premio Bergantiños desde os Libros na súa edición do ano 2000. Publicou con Icía Varela O grilo Míllelo (2014).