Malpica pon en marcha o seu programa de envellecemento activo
08:05 16/09/16
Nas edicións anteriores do programa de envellecemento activo participaron unha boa cantidade de veciños e veciñas de Malpica
Este mesmo mes arranca en Malpica un programa de Envellecemento Activo coa intención de “ofrecer unha alternativa que a través da educación, a formación, e técnicas de ocio e estimulación, potencie a prevención, a inserción social e o retraso de perdas cognitivas, motoras e sensoriais que poden diminuír a capacidade de autonomía persoal das persoas maiores na súa vida diaria”, explicou a concelleira delegada da área que o organiza, Marisol Blanco Gorín. Asemade, preténdese evitar o illamento a través do fortalecemento das redes sociais e a promoción da participación social.
As actividades que se enmarcan dentro deste programa desenvolveranse no centro cívico de Malpica e na casa do Oleiro de Buño. Os asistentes realizarán traballos de estimulación cognitiva, xogos de mesa e campionatos, corpo e mente en movemento, taller afectivo sexual, obradoiro de mantemento físico con pilates, cachibol, elaboración de xabóns, recuperación de receitas tradicionais, elaboración menú e degustación conxunta, charla de reumatoloxía, balneario e festa de clausura. “É un programa de Envellecemento Activo que favorece a participación activa dos veciños e veciñas, dun xeito dinámico e lúdico”, explicou Marisol Blanco.
Inscricións
O prazo de inscrición está aberto ata o 19 de setembro no departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica, teléfono 981 72 02 80. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As actividades comezarán o día 20 e desenvolveranse todos os martes e xoves: na casa do Oleiro de Buño, de 16 a 18 horas, e no centro cívico de Malpica, de 18:15 a 20:15 horas.
Outras actividades
A concellería de Servizos Sociais tamén organiza para o mes de outubro dous talleres de memoria, atención e percepción para persoas maiores e/ou con diversidade funcional. As sesións serán os martes de 11 a 12:30 horas no centro Cívico de Malpica, e os mércores de 10:30 a 12 na casa do Oleiro de Buño. O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poden anotarse no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao 981720280.
Por outra parte, hoxe comezan os cursos de manualidades para persoas maiores e/ou con diversidade funcional organizados tamén polo departamento de Marisol Blanco. O obradoiro para persoas con diversidade funcional desenvolverase os luns e os venres, de 10:30 a 12:30 horas, no centro Cívico de Malpica. Nese mesmo espazo asistirán a clases os maiores todos os martes e os venres de 16 a 18 horas. Os maiores de Buño terán manualidades na casa do Oleiro todos os mércores e venres de 15:45 a 17:45 horas. As persoas interesadas en participar poden informarse no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao 981 720280.
Xunto a todas estas iniciativas, a través da Área de Igualdade, e grazas á colaboración da Deputación Provincial da Coruña, está a desenvolverse o programa Conectad@s. A oferta inclúe un curso de alfabetización dixital para mulleres e outro de novas tecnoloxías para persoas maiores de 55 anos, que se celebran na casa do Oleiro de Buño dende o 12 de setembro ata o 11 de novembro.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Malpica