Venres. 26.04.2024
El tiempo

Malpica reabre a súa cultura, con teatro, exposicións e poesía erótica

Actividades marzo Malpica
Malpica reabre a súa cultura, con teatro, exposicións e poesía erótica

Con ledicia comprobamos como AxendaCostadaMorte volve encherse de actividades. Xa vimos a volta do Galidoc ao Casino, o programa Cultura con Forza de Carballo, a nova programación infantil de Vimianzo ou o marzo teatreiro e musiqueiro de Laxe.

Tamén o mes de marzo será activo en Malpica, pois o Centro Cívico acollerá catro representacións ao longo do mes de marzo, ademais da XV edición do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’. Precisamente este sábado 6 de marzo ás 19:00 horas, será a entrega de premios da edición XV do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que gañaron Charo Pita e Laura Ramos. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

Antes, o mesmo sábado, ás 12:00h, celebrarase a entrega de premios do concurso ‘Rúa dos Contos’ na Praza do Campo, onde quedarán exhibidas as obras participantes.

O día seguinte, 7 de marzo, o pano volverase abrir a partir das 18:00 horas, con Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller.
O domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’.
A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

As persoas interesadas en acudir deberán solicitar previamente as entradas chamando ao Departamento de Cultura, no 981 707 104, ou ao Concello, no 981 720 001.

Novas relacionadas

Comentarios