Venres. 26.04.2024
El tiempo

As mulleres de Malpica e O Couto xa teñen voz

As voces das mulleres no Couto -Foto-Marcos Boedo
Sesión de "As voces das mulleres" no Couto -Fotos-Marcos Boedo
As mulleres de Malpica e O Couto xa teñen voz

Trala súa presentación na Fundación Eduardo Pondal, o proxecto “As voces das mulleres” xa está en marcha. A compañía costeira Aantena xa comezou esta semana cos encontros na Fundación Eduardo Pondal do Couto (o pasado venres) e no Centro Cívico de Malpica (este luns), cunha ducia de mulleres. Elas son as protagonistas desta recollida e rexistro da cultura inmaterial local dende unha perspectiva de xénero e en base a criterios antropolóxicos.
O programa, apoiado polos concellos de Malpica, Ponteceso e Coristanco e pola Deputación, pulsará pola memoria das mulleres do rural e que como resultado terá a creación dunha ruta cultural e teatral.

As voces das mulleres en Malpica-Foto-Marcos Boedo2
Sesión no centro cívico de Malpica-Foto: Marcos Boedo

Nesta primeira a xornada a actividade consistiu nunha pequena presentación de cada unha das mulleres que expuxeron a súa historia vital. Onde xa saíron temáticas comúns como o coidado dos maiores, a dependencia económica e a emigración como modelo de fuxir dunha economía paupérrima na Costa da Morte nos ano 60, aínda que provocase a división das familias quedando os fillos baixo coidado das avós. Quedou claro, que a pesar das vidas de penurias e traballos, o único arrepentimento visto nas mulleres naquelas saídas era non levar os fillos con elas.

As voces das mulleres Bibiana Martinez AlvarezBIBIANA MARTÍNEZ ÁLVAREZ
Bibiana Martínez Álvarez. Foto: Marcos Boedo

Guía o encontro Bibiana Martínez Álvarez (Doutora en antropoloxía social pola Universitat de Barcelona, Membro do GER (Grup d'Estudis sobre Reciprocitat) da Universitat de Barcelona e do GET (Grupo de Estudos Territoriais) da Universidade da Coruña. Explicoulles ás voluntarias cales son os seus intereses de investigación centrados no contexto rural: dende as problemáticas das granxas familiares, baixo o prisma da economía política, ata cuestións relacionadas cos coidados e o traballo das mulleres rurais, dende a perspectiva dos estudos de xénero e da economía feminista.

Durante cinco xornadas a antropóloga seguirá visitando os tres concellos. No caso de Malpica mudase o horario pasando ás 19:00 horas para que poidan asistir máis mulleres que traballan.
Ademais do traballo de recollida para dar corpo á vida das mulleres invisibles, realizarase tamén un taller de teatro comunitario. Finalmente, co material recollido e seleccionado, farase unha intervención teatral na que as participantes serán as protagonistas, co obxectivo último de articular un vieiro cultural a través de varios recunchos e espazos da vila. Os contidos creados serán rexistrados en diferentes formatos dixitais e quedarán recollidos nunha páxina web creada para a ocasión.

As voces das mulleres en Malpica-Foto-Marcos BoedoAs voces das mulleres no Couto 2-Foto-Marcos Boedo
Imaxes das sesións de Malpica e do Couto. Foto: Marcos Boedo

Novas sobre o proxecto

Outras novas RELACIONADAS

Comentarios