Piden unha liña escolar para o alumnado malpicán que cursa Bacharelato e FP no IES de Ponteceso

O alumnado do Concello de Malpica, unha vez rematada a ESO (Educación Secundaria Obrigatoria), para seguir cos estudos de Bacharelato ou Ciclos Formativos, deben desprazarse a outros concellos da contorna xa que Malpica non conta con centros que impartan ditos ensinos.
Dito alumnado ten que pagar máis de 60 euros cada mes polo transporte que realiza unha empresa privada, xa que non hai unha liña regulada pola Xunta, algo que si acontece co de Laxe ou Cabana, que dispoñen dunha liña regulada e o transporte gratuíto, coa Tarxeta Xente Nova, para os menores de 21 anos.
Ante esta situación de agravio o BNG de Malpica vén de presentar un rogo para instar ao grupo de goberno a que realice “as xestións oportunas ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza, para que regule as liñas de transporte necesarias, como xa fixo nos concellos de Cabana e Laxe, evitando así a discriminación e o agravio económico que supón para o alumnado e veciñanza do concello malpicán.
Charlas
Mentres, o centro pontecesán segue organizando eventos. Este pasado 7 de outubro, Óscar Rivero Salgado, investigador e premio nacional Jóvenes Talentos Matemáticos 2023, que actualmente exerce como profesor na Facultade de Matemáticas da USC, impartiu a conferencia “Matemáticas para un tempo novo”, para o alumnado de 1º de Bacharelato. A actividade foi organizada polo departamento de Matemáticas.