3 de maio: auga bendita para as nosas leiras
Houbo comentaristas da biblia que consideraron que os madeiros nos que Cristo foi crucificado procedían da Árbore da Vida, da Árbore da Sabedoría; presente no inicio do longo ciclo de relatos do libro dos libros. O culto ás árbores, no caso citado pertencente á tradición xudaica, mais era común a outras moitas culturas. Os pobos indoeuropeos que poboaron Europa non eran alleos a estes cultos. A árbore como símbolo do poder xenerativo da natureza, como dispensador de abrigo e protección, coido que formaba parte do sistema de crenzas dos nosos remotos antepasados. Uns antepasados que vían na capacidade rexenerativa que a natureza obraba ano tras ano, un claro indicio da existencia dun poder sobrenatural que rexía o universo. Pero había outros cultos fundamentais para os nosos devanceiros, entre eles estaría a auga. Unha auga tamén común a outras moitas culturas, manancial de vida, de purificación e de saúde. Auga que na nosa terra mana de infinidade de fontes con nome propio, moitas delas con sona de milagreiras. Formaban parte da maioría dos santuarios, e en numerosas ocasións, o feito de construír unha igrexa ou unha capela nas inmediacións dunha destas fontes ou doutros lugares cun forte significado mítico, era unha maneira de cristianizar unha situación inaceptable dende a ortodoxia da relixión oficial. Só temos que pensar nun lugar tan pouco axeitado coma Santa Locaia do Burato (Mazaricos) para construír unha igrexa. Un lugar accidentado e agreste no que se mestura a forza da vexetación autóctona, a poderosa potencia da fervenza e o misterio das augas subterráneas que flúen dende o nomeado “Burato”.
Vén todo isto a conto porque nestes primeiros días de maio, superados os rigores do inverno e cando a primavera está no seu máximo apoxeo xenerativo, celebrábanse unha serie de ritos e algúns aínda se celebran, relacionados coa fertilidade da terra e a súa preservación de pestes e pragas. Os MAIOS nos que se dá culto á natureza que renace. A costume que ata hai pouco tiñan os nosos veciños de Outes de ALUMEAR O PAN para propiciar unha boa colleita; ou a que temos nós de BOTAR AUGA BENDITA polas leiras para libralas de calquera tipo de andazo que diminúa a súa fertilidade. Centrarémonos nesta última que nos afecta máis directamente.
Probablemente neste ritual que celebramos o 3 de maio, día da Santa Cruz, únense, actualizados polo cristianismo, elementos das tradicións hebrea e indoeuropea. Tradicións relacionadas co poder rexenerador da natureza e a forza purificadora da auga. Neste caso a auga utilizada é a que se bendiciu o Sábado de Gloria, seguramente, na orixe desta costume, a auga procedería, segundo os lugares, dalgunha fonte considerada especialmente benfeitora.
Dicía miña avoa, María da Ghapita de Quintáns, que unha pinga chegaba para bendicir unha agra enteira. De tódolos xeitos e aínda nos tempos anteriores á concentración parcelaria, cando calquera veciño posuía varias fincas na mesma agra, ela, desconfiando do seu propio aserto, non deixaba unha leira sen percorrer esparexendo con uns ramalliños de buxo e oliva, tamén bendicidos o Domingo de Ramos, a auga que levaba nun caldeiriño. Para esta aspersión utilizábanse diferentes xaculatorias. Miña avoa, outra vez, pese a que remataba a súa prédica aludindo á Santísima Trindade, bebía de fontes antigas e complexas, non exentas dun fondo substrato mítico. Dicía así:
“ Culebriñas e denosiñas ás súas casiña,
sapos e ratos ós seus buratos,
bruxas e meigas ás gamalleiras,
e a auga bendita ás nosas leiras.
Auga bendita que vas por aquí,
Tódolos males se aparten de ti.
No nome do Pai, do Fillo
e do Espírito Santo. Amén”
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.