Xoves. 18.04.2024
El tiempo

5 Concellos da zona únense para pedir á Xunta paralización dos trámites de parques eólicos iniciados no Estado de Alarma

parque eolico por Mazaricos
5 Concellos da zona únense para pedir á Xunta paralización dos trámites de parques eólicos iniciados no Estado de Alarma

Xa nolo contaban nos DirectosQPC o alcalde de Mazaricos como o de Santa Comba. “É indignante que a Xunta reactive o proceso dos Parques Eólicos en pleno estado de alarma se non podemos nin informar aos nosos veciños”.

Hoxe Xoan Blanco (BNG) e David Barbeira (CxG) únense aos rexedores de Negreira (PSOE), A Baña (PSOE) e Outes (CO), para pedirlle á Xunta a inmediata paralización dos trámites de parques eólicos iniciados no Estado de Alarma. Sosteñen que a reactivación de prazos para formular alegacións no mes de abril, en pleno confinamento, “impediu desenvolver” as xuntanzas precisas coas persoas afectadas e entre os propios municipios.

Demandan que se “proceda a modificar o actual marco normativo referido ao sector eólico en Galicia para que atenda aos intereses da poboación rural”. Ao fío disto afirman que “a enerxía eólica pode ser fomentada sen atentar contra os intereses socioeconómicos da contorna onde se produce”.

No escrito os cinco alcaldes subliñan que nos seus concellos a “veciñanza afectada por estes proxectos ten, en xeral, unha idade avanzada” e, ademais, non dispoñen de “acceso a Internet e, polo tanto, tampouco aos expedientes electrónicos do seu interese”. Nesta liña explican que se limitou a “posiblidade dos concellos de xuntarse coas persoas afectadas para explicarlles o estado da tramitación dos expedientes ou calquera tipo de circunstancia derivada”.

Veciñanza preocupada

A realidade é que os veciños e veciñas expresan unha fonda preocupación polo elevado número de proxectos eólicos, moitos deles en núcleos habitados. Os alcaldes tamén poñen de manifesto que a lexislación actual establece unha distancia mínima dos paus cos núcleos “insuficiente, pois só son 500 metros algo que non recolle a realidade poboacional galega”.

Fragmentación

Lamentan ademais a “fragmentación en diversos proxectos de parques, como o megaparque de Bustelo, Toural e Campelo, que, en realidade, amosan continuidade e comparten infraestruturas”. En base a isto consideran que “deberían ser considerados un único parque”.

Beneficios

Conclúen que “as poboacións rurais están a soportar en exclusiva os custos ambientais da produción de enerxía eólica mentres que os beneficios que permanecen nos territorios son mínimos”.

Novas relacionadas cos Parques Eólicos

Comentarios