Mércores. 03.06.2020
El tiempo

Cando a Feira invadía unha boa parte da rúa principal da Picota

Unha Feira da Picota de febreiro de 1993.Foto-Antón Iglesias
Unha Feira da Picota de febreiro de 1993.Foto-Antón Iglesias
Cando a Feira invadía unha boa parte da rúa principal da Picota

Foi entre finais de 1994 e principios de 1995 cando o alcalde de Mazaricos Xoán Manuel Ramos Rodríguez, despois dalgunha amoestación da Xefatura Provincial de Tráfico, retirou os postos de venda da Feira da Picota da rúa principal da vila. Ata daquela atopábanse nalgúns treitos ás dúas beiras da estrada e noutros a un ou ao outro lado da mesma. Iniciábanse un pouco despois do cruce de Quintáns e ían máis alá da casa do Cuco. Tamén os había na actual rúa do Emigrante e na estrada de Beba. Neste último caso chegaron ata a actualidade.

Cando o fotógrafo ANTÓN IGLESIAS tomou a imaxe que ilustra este texto en febreiro de 1993 atopábase viva e con puxanza esta vella distribución. Aínda que xa se tiñan operado cambios fundamentais: a esas alturas a compravenda de vacas e becerros xa tiña desaparecido e o seu lugar fora tomado polos vendedores de maquinaria agrícola. O espazo destinado á venda de froitos (trigo, millo, fabas, patacas,…) situado onde, máis o menos, hoxe se atopa o parque infantil, ante o declive destas transaccións viñera sendo ocupado progresivamente polas tendas de calzado.

A reforma principal emprendida no citado período, non sen polémicas, consistiu no traslado da maquinaria dende o lugar privilexiado que tiña na feira do ghando ata máis alá da casa de Rei na saída da estrada de Mazaricos. Quizais a medida máis contestada polos vendedores destes equipamentos agrícolas. O lugar deixado polos tractores, os autocargadores, as rotativas, as cisternas ou as ensiladoras de millo foi cuberto polos postos de venda que deica ese intre se escagallaban pola rúa principal. Como no rectángulo que dende o nacemento da feira en 1934 dera acubillo ao ghando vacún non había sitio para tódolos vendedores, algúns foron engrosar a nómina dos que ocupaban a estrada de Beba, e outros fixeron outro tanto na que daquela chamábamos e aínda moitos o seguen facendo, a rúa do Pallote (actual Emigrante).

Mais a imaxe que nos serve de pretexto para todas estas lembranzas, unha interesante mostra de periodismo fotográfico na que se plasma a realidade cotiá daquel fuxidío momento, hoxe é unha valiosa testemuña sobre un pasado aínda relativamente próximo, pero como acabamos de ver, definitivamente abolido. Na fotografía podemos observar as tendas ás beiras da actual rúa 13 de abril, e á xente camiñando tranquilamente arriba e abaixo impedindo ou retardando a circulación dos coches. No primeiro termo, contribuíndo a dotar do sentido lúdico que nunca podía faltar nunha cita comercial, temos tres conversadores que xa non están entre nós: meu tío José do Cacheiro de Lugharnovo, Antonio do Sancristán ou do Xalleiro de Atán e Pepe de González de Sanfoga.

O denso dinamismo dos planos medios e profundos e a contundente e inmediata presenza dos personaxes xa nomeados, en certa maneira, interpélannos dende o espazo fotográfico facéndonos partícipes daquel día, daquela época e daquela maneira de facer. No meu caso son moitas as vivencias que me achegan a aqueles tempos, mais esta fotografía logra traelos ao presente dunha forma máis intensa, ademais de contribuír a que as novas xeracións teñan constancia da importante actividade que a Feira da Picota posuíu ata finais dos anos noventa do século pasado. Pero como nos lembra simbolicamente o reloxo situado na torre do Concello que dende a marxe dereita da imaxe sinala a liña do horizonte, o tempo non se detén e aquelas vellas formas de transacción comercial e de trato social, en grande medida, foron substituídas por outras onde as distancias e o coñecemento mutuo de compradores e vendedores son irrelevantes.

A Feira da Picota segue viva, por canto tempo non o sabemos. Aínda que é difícil loitar contra o signo dos tempos, espero que non lle pase coma ao reloxo municipal que daquela funcionaba e agora e só un símbolo, pois leva máis de vinte anos parado nas once e cinco.

 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

comentarios