As entidades costeiras berraron na Ruña “Eólicos, Así non!”

Nun día moi desapracible e máis axeitado para ficar na casa, algunha xente da Plataforma Vendaval Costa da Morte e de Monte Pindo Parque Natural acudíu con outra veciñanza tamén sensibilizada coa defensa do territorio, ata o máis alto do cumio da Ruña este domingo 9 de febreiro para reivindicar a defensa deste espazo natural coas súas fontes de auga salubre que o proxecto da balsa de bombeo Irreversible pretende violar ademáis de asolagar o noso glaciar rochoso.
E todo dentro do día Internacional da Enerxía Limpa, coma un acto máis dos que se levaron adiante por todo o País organizados pola Coordinadora Eólica "Así, non!" Entidades de concellos como Val do Dubra, Cartelle, Pontevedra, Marín, Lugo, Sarria, Ortigueira, e Campo Lameiro, ademais de Mazaricos, secundaron a convocatoria da Coordinadora, despois de ter que ser suspendida hai un par de semanas polo temporal, nunhas mobilizacións que coinciden no tempo co anuncio da Xunta dun novo Plan Eólico. Un Plan que califican de “fraude, xa que exclúe das mesas de diálogo ás poboacións afectadas e ás organizacións sociais e ecoloxistas críticas coa depredación eólica. E ademais, non establece unha moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación ou pendendes de execución, mentres non se aprobe o novo planeamento eólico. Pola contra, favorece a retramitación daqueles proxectos que están suspendidos cautelarmente polos tribunais”.
As entidades costeiras queren mandar así unha mensaxe á clase política para que comprendan de que “é necesario un novo modelo eólico e enerxético en xeral”. Como denunciaron no manifesto “Non ao espolio da nosa terra”, deixan claro que “a Costa da Morte corre un grave perigo xa que desde hai uns anos están destruíndo os nosos recursos a base de polígonos industriais eólicos e balsas en proxecto, que están facendo desaparecer as nosas paisaxes e, agora tamén, elementos básicos e sagrados como a AUGA que consumimos, tal e como vemos nos proxectos que queren levar na Ruña, en Mazaricos”.
Queren matizar que “non estamos en contra das enerxías renovables. Estamos a favor. Pero esiximos una planificación feita con xeito, a medida do noso territorio e consensuada coa sociedade científica e coa sociedade civil”.
”Queremos unha Costa da Morte morta? A resposta é claramente “NON”, por iso convidamos a toda a sociedade civil para defender o noso territorio destes insaciables proxectos especulativos que están pouco a pouco matando a Costa da Vida. Así que prometemos volver na primavera cando as condición meteorolóxicas nos permitan subir con toda a veciñanza conciencidada, que cada día é máis e máis!”