Sábado. 24.07.2021
El tiempo

Unha senda unirá polo río Xallas os tesouros fluviais de Mazaricos, Santa Comba e Zas

O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo
O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo
Unha senda unirá polo río Xallas os tesouros fluviais de Mazaricos, Santa Comba e Zas

Longo percorrido ten este proxecto da senda fluvial do río Xallas. Unha iniciativa que pode ser outro marabilloso atractivo para o turismo de natureza da comarca, pois permitiría percorrer 65,5 km de sendeiros de ribeira a través de camiños peonís, que poderían ser percorridos tamén en bicicleta, e pontes nos que se atravesan recursos de especial interese paisaxístico, patrimonial e etnográfico.

Así o anunciaron esta mañá o vicepresidente, Xosé Regueira, e os alcaldes de Mazaricos, Santa Comba e Zas, que se reuniron para estudar como financiar os 400.000 euros necesarios para desenvolver o proxecto.

Alcaldes de Santa Comba Mazaricos e Zas con Xose Regureira

Regueira confirmou o apoio da Deputación e destacou o "interese turístico, patrimonial e tamén económico, en especial, no momento actual en que o senderismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao ar libre foron tomando forza polos efectos da pandemia nunha dirección na que, sen dúbida, se continuará unha vez que rematen as restricións”.

Os alcaldes teñen clara a riqueza da senda, que supón un importante recurso turístico e de lecer para a veciñanza dos tres concellos e para visitantes.

Na reunión acordouse tamén comezar coa tramitación dos permisos de Augas de Galicia e Patrimonio e trasladar o proxecto a Turismo e Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Datos técnicos

O proxecto inclúe 25,3 km polo concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos. Os 400.000€ serían investidos para o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construcións de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira. Ademais, o proxecto inclúa a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis de dirección e espazos de lecer con mesas e asentos.

O percorrido

A senda do Xallas arranca no Concello de Santa Comba, concretamente na Fervenza de Castriz á beira dos muíños do río Mira. Atravesa logo Castriz diante do seu cruceiro, preto da praia fluvial de San Salvador. No lugar de Abaixo de San Salvador sinalízase un sedeiro alternativo que discorre por camiños de pescadores no que se mostra a beleza paisaxística do Xallas.

A seguir a beira do río, atópase a antiga presa da Xesteira onde aínda se poden ver as casetas nas que se facían funcionar as turbinas que daban electricidade a moitas aldeas de Santa Comba, cunha primeira mostra da explotación da forza do río para obter enerxía.

O Santuario de Nosa Señora da Saúde, coñecida como a capela de Rubín, mostra de estilo gótico do século XVI, xunto coa fonte constitúen dous interesantes exemplos do patrimonio artístico da ruta.

O camiño levará á praia fluvial de Esmorode coa posibilidade de tomar outro camiño alternativo de uso dos pescadores. A Ermida de San Blas, do século XVIII e a Ponte de Brandomil do século XVII -pola que atravesaba o camiño de Santiago a Fisterra-, xa en Zas, onde atoparemos o castro de Brandomil.

O lugar de Quintáns abre as portas do encoro da Fervenza, un dos máis grandes de Galicia con posibilidade de facer rutas en kayak, que nos permite, ao atravesar a ponte, entrar xa no Concello de Mazaricos. A Devesa do Anllares, un dos últimos bosques atlánticos onde conviven carballos, acivros, bidueiros, freixos, fentos e musgos son proba da riqueza do patrimonio natural que atravesa o Xallas, antes de chegar ao encoro de Santa Uxía, o último antes da desembocadura do río. A vista que marabillou a Frei Martín Sarmiento desde o mirador que agora leva o seu nome é outra das experiencias inesquecíbeis do camiño.

A fervenza da Noveira, sobre o río Arcos que desemboca no río Xallas, antes de chegar a aldea de O Fierio, punto final dunha senda que permite coñecer un patrimonio de grande riqueza paisaxística e patrimonial, a pouco xa do mirador do Ézaro e a fervenza do Xallas, remate do recorrido do río, xa no concello de Dumbría.

Novas relacionadas

comentarios