Domingo. 15.09.2024
El tiempo

As ANPAS de Muros concéntrase pola gratuidade dos libros e as Galegas critican os oídos xordos da Xunta

As ANPAS de Muros concéntrase pola gratuidade dos libros e as Galegas critican os oídos xordos da Xunta
Concentracion en Muros pola gratuidade dos libros de texto Libros de Texto Gratis XA

Segue a comunidade educativa en pé de guerra a pesar de termos rematado as clases. O pasado venres 19 de xuño houbo unha concentración xeral en toda Galicia pola gratuidade dos libros de texto, coincidindo ademais cunha, pouco produtiva reunión das ANPAS Galegas coa Consellería de Educación.

Nós estivemos en Muros, onde as ANPAS e país e nais de nenos de primaria e secundaria protagonizaron unha concentración pola polémica sobre os libros de texto. Na concentración estaban representadas as ANPAS do IES As Insuas, IES Fontexería, as dos CEIP. Ramón de Artaza de Muros, Ricardo Tobío de Esteiro e Agra de Filgueira de Louro e a da escola infantil Arco da Vella de Muros. A cita reivindicativa foi ás portas do CEIP Ramón de Artaza, que se mantiveron pechadas. O profesorado de ningún dos centros se sumou ao acto aínda que desde as ANPAS enténdese que non era un bo día pois o pasado venres era o derradeiro día de clase do curso 2014/2015.

No acto leuse un manifesto conxunto no que esixen “a gratuidade total dos libros e material escolar coa volta ao sistema de Préstamo Gratuito e Universal que acadamos no ano 2003”; piden “non cambiar os manuais en ningún dos Cursos por entender que a adaptación á LOMCE non supón diferencias significativas nos libros”; piden “manter o Banco de Libros das ANPAS” e avisan de novas posibles mobilizacións.

Reunión das ANPAS coa Xunta

Informan as ANPAS Galegas da reunión que mantiveron o pasado venre con varios dirixentes da consellería de educación. Por parte da Confederación de representantes de pais asistiron o presidente, Javier Sánchez; o vicepresidente, Fernando Lacaci; e a tesoureira, Bertila Fernández. Por parte da consellería estiveron José Manuel Pinal, director xeral de centros e recursos humanos, Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; e Jesús Oitavén, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Unha reunión realizada 3 meses despois de ser solicitada, xusto no día no que remata o curso, logo de que dous temas que os pais quererían ter tratado previamente: a avaliación de terceiro de primaria, e o tratamento da vixencia e finanzamento dos libros de texto. A resposta dos responsables da consellería foi “problemas de axenda”.

Na reunión en si mesma falouse sobre todo de libros de texto, e a consellería está convencida de que todo vai funcionar sen ningún tipo de problema, malia a postura claramente contraria de toda a comunidade educativa, dos sindicatos, dos partidos políticos e dos movementos sociais, e non precisamente polos seus propios e para nós descoñecidos medios, máis ben porque vai haber unha achega suplementaria procedente da solidariedade das familias que vai ser quen facilite que haxa libros para todos e mesmo sobren.

As ANPAS intentaron facerlle ver que “o sistema estaba mal organizado, que de momento xa deu pé a un nivel de desconcerto realmente importante, que ían aparecer erros por todas partes –como xa de feito está a ocorrer-, que un procedemento así non podía implantarse sen ter un modelo definido, sen ter un estudo moi polo miúdo da variadísima casuística que se había dar en cada centro e en cada curso”. E sobre todo quixeron explicar que “as ANPAS, de nos ter chamado a tempo, poderiamos ter sido moi útiles coa nosa participación, independentemente de manter a defensa do sistema de préstamo universal e gratuíto como a nosa postura ideolóxica”. A resposta da consellería foi que todo estaba ben, e que todo sairía ben, e con ese sólido argumento rematamos o tema.

Tamén falaron da necesidade de comezar a traballar creando unha comisión de comedores, outra de transporte escolar e outra da atención sanitaria ao alumnado durante a súa estadía nos colexios. “Houbo un silencio por resposta que nos fai pensar que nada se fará, pero aí queda a nosa disposición e a nosa oferta”, explican as ANPAS, que resumen a cita en que “temos unha consellería que malia que nos medios de comunicación enchen constantemente o seu discurso de referencias ao necesario contacto coa sociedade, á escoita e á participación, en realidade obvia aos interlocutores que representamos unha moi ampla parte da comunidade educativa”.

Novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios