Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Tanxugueiras, The Rapants, Mondra ou Xabier Díaz, no 35 aniversario das Carrilanas

  • O evento, cuxo acceso é gratuíto, celebrarase na fin de semana do 19 ao 21 de xullo e contará con tres escenarios en Esteiro

Festival_Carrilanas_bandas 2024
Tanxugueiras, The Rapants, Mondra ou Xabier Díaz, no 35 aniversario das Carrilanas

Temos, por fin, e calando moitas boxas, cartel, cartelón do Festival das Carrilanas 2024. A cita de música galega de acceso gratuíto máis guapa do país, que acompañará a 35ª edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro, xa ten bandas protagonistas. Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army, entre outras, forman a aposta da ADC Esteirana de Carrilanas, para a fin de semana do 19 ao 21 de xullo.

Unha Festa de Interese Nacional dende 2021, que vai moito máis alá da musica, pero que ten nesta sesión musiqueira un gran foco de atracción para a mocidade de todo o país. O ano pasado foron máis de 35.000 os asistentes aos concertos.

Fillas de Cassandra no Festival das Carrilanas 2023 - 1
Fillas de Cassandra no Festival das Carrilanas 2023

3 escenarios

O Festival das Carrilanas contará neste 2024 con tres escenarios diferentes, nos que se celebrarán tanto os concertos nocturnos como ao mediodía. Estas últimas actuacións terán lugar na Alameda de Esteiro, zona na que se situará, como é habitual, e ademais deste palco, o espazo de actividades infantís (contacontos, xogos populares de madeira ou obradoiros, entre outras iniciativas) e o mercado tradicional de artesanía, que este verán celebrará a súa quinta edición. A intención da organización, un ano máis, é convidar a todos os públicos a gozar da baixada de Carrilanas de Esteiro, unha festa única que aúna tradición, diversión e velocidade nun mesmo evento. 

O Festival das Carrilanas Esteiro conta co apoio de institucións públicas como o Concello de Muros, a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña; ademais do patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo, e de Vegalsa Eroski. Nos vindeiros días daranse a coñecer novos nomes que conformarán o cartel das carrilanas así como a programación de actividades que se desenvolverán durante toda a fin de semana.


XXXV Gran Prix das Carrilanas de Esteiro

O gran distintivo desta festa de interese nacional é o Gran Prix de Carrilanas, un evento de referencia no verán de Galicia. Cada ano milleiros de persoas danse cita en Esteiro para gozar dunha celebración especial que xira arredor da posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor pola famosa costa do Maio. 

A competición do Gran Prix, que este ano celebra o seu 35º aniversario, conta con tres categorías: Infantil (que poden pilotar as nenas e nenos menores de 18 anos ou acompañados de maiores), Carrilanas lentas (nas que prima a diversión, os disfraces e o espectáculo) e Carrilanas rápidas, a máis espectacular de todas e, posiblemente, a proba de velocidade máis intensa de Galicia. 

Para máis información sobre Carrilanas de Esteiro, pódese visitar o espazo web www.carrilanasesteiro.gal.

Máis novas

Comentarios