Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Un autobús escolar pantasma percorre Muros

Un autobús escolar pantasma percorre Muros
Protestas e Muros sobre un pantasma servizo de autobus escolar

Chéganos unha nova queixa sobre o servizo de autobuses da Costa da Morte. E desta volta máis grave unha vez que se trata do servizo de transporte escolar, que recordemos que é a parte rentable da concesión que obriga ás empresas a cubrir o servizo de transporte colectivo.
Non hai moito chegábannos queixas dende Fisterra, que o presidente de Monbús considerou “un caso puntual”.

Dende QPC, que levamos máis de 5 anos loitando por un digno servizo de transporte colectivo, e por iso damos especial interese a estas incidencias. Desta volta, a queixa chega da man da ANPA do C.E.I.P. Ramón de Artaza de Muros, que apunta que "durante o que vai de curso 2012/2013 un autobús escolar fai unha ruta pantasma sen nenos/as que transportar".

A extraña situación dase dada a diminución progresiva do número de nenos/as da parada da rúa Paseo Bombé. Nos dous últimos cursos este autobús de 50 prazas, recollía a un só neno e no actual a parada quedou completamente deserta, segundo indican, pero o autobús segue a facer o seu percorrido.

A dirección do centro público informou desta situación á Xefatura Territorial de Educación da Xunta de Galicia, pero a situación segue sen resolverse, de tal xeito, que cada día, "un autobús de máis de 50 prazas, da empresa MONBUS, cun condutor e unha coidadora, fai o percorrido dende o Paseo Bombé ata a escola e á inversa, en todas as entradas e saídas do centro sen ningún alumno/a a bordo".

O absurdo desta situación indigna a toda a comunidade educativa deste centro, sobre todo tratándose dunha época de recortes que afectan a aspectos importantes da educación, e de outros servizos básicos para o benestar dos cidadáns, e vendo a cotío como se están a tirar cartos públicos deste xeito tan grotesco. Este malestar multiplícase polo "perigo que supón para o alumnado: o autobús logo de chegar á dársena da escola, abandona esta en hora punta, sen esperar a que os alumnos estean dentro do recinto escolar e manobrando marcha atrás sobre un paso de peóns de acceso para nenos/as e nais/ pais que chegan ao centro a pé".

A ANPA do Ramón de Artaza en vista de que esta situación continúa, denuncia publicamente que “parécenos indignante, bochornosa e ademais perigosa e esiximos a pronta resolución do problema por parte das autoridades competentes”. E se pregunta: "Como se poden gastar cartos públicos en percorridos de autobuses baleiros de alumnado, cando hai tantas necesidades educativas sen cubrir e estamos a recibir recortes en servizos básicos? Onde está a responsabilidade dos xestores da Administración Educativa? Ata cando seguirá circulando este autobús escolar baleiro de alumnado?".

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da ANPA do C.E.I.P. Ramón de Artaza de Muros.

Comentarios