Martes. 19.03.2024
El tiempo

A Galería Mulleres recupera o compromiso de María Miramontes

A Galería Mulleres recupera o compromiso de María Miramontes
  • Santa María de Guisamo (1895) - Bos Aires (1964).

María Miramontes, é a figura escollida pola Galería Mulleres para protagonizar o mes de novembro. Saben que a Galería Mulleres é unha proposta do Concello de Muxía para ir recuperando, nome a nome, mes a mes, as figuras femininas máis importantes da historia de Galicia.

E como dicimos hoxe falamos desta muller moi activa política, social e culturalmente. Foi membro das Irmandades da fala, e traballou a prol do Estatuto.
Casou co editor Ánxel Casal con quen fará un traballo conxunto no labor editorial polo que hoxe é recoñecido quen foi alcalde de Santiago de Compostela. Crean tamén unha escola aberta e popular, inspirada na Institución Libre de Enseñanza. Ela contribuía co seu oficio de modista a financiar todo este labor social e cultural. En agosto do 36 Casal é detido e asasinado. Trala morte do seu home e compañeiro, marcha a Bos Aires.

O compromiso ideolóxico de María Miramontes enmárcase no movemento colectivo de signo feminista e progresista, no momento de esperanza para a cultura e a lingua galegas, os valores cívicos e os dereitos das mulleres que foi a segunda República.

O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir deste momento o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.

Máis información

Comentarios