Abastos 2.0 amosará novas formas de servir peixe en Muxía


O próximo luns 18 de marzo Muxía acollerá unha nova actividade formativa do proxecto “Camiñando cara ó mar”. Nesta ocasión os empresarios do sector hostaleiro da zona recibirán aos cociñeiros do espazo gastronómico Abastos 2.0, de Santiago de Compostela, para impartir a xornada “Km 0. O peixe que pescamos, o peixe que servimos”.
Os chefs do restaurante santiagués intentarán transmitir aos hostaleiros un xeito de traballar os pratos baseado na materia prima, neste caso o peixe, recurso que poden ensalzar e poñer en valor sen grandes transformacións e cunha boa e moderna presentación. Unha filosofía e unha maneira de traballar a cociña que segue o local compostelán e que tanto éxito lles está a reportar.
Os empresarios muxiáns coñecerán estas claves a partir das 17.00 horas do 18 de marzo no restaurante do Hotel A de Loló, situado na rúa Virxe da Barca, 37 (Muxía).
Numerosas sesións formativas

Con esta xa serán seis as actividades formativas organizadas polo proxecto de “Muxía. Camiñando cara ó mar”. Un calendario de cursos cos que se pretende crear unha rede profesional enfocada a traballar na mellora continua, promoción e dinamización do sector turístico muxián.
As última realizáronse na biblioteca e no Bar o xardín e trataron sobre os "Actores secundarios" e sobre coctelería. En ambas participaron uns 10 hostaleiros da zona.
E a seguinte cita terá lugar o próximo mércores 20 de marzo en Casa Ceferinos (Frixe, Muxía), onde se impartirá un curso de manipulación de produtos do mar, cortes e preparacións.
Máis información
Novas relacionadas
- 11-03-13: Muxía camiña cara a excelencia hostaleira.
- 01-03-13: Os hostaleiros de Muxía reciben un marzo completo de formación e asesoramento.
- 07-02-13: O Concello de Muxía achégase aos empresarios para camiñar xuntos cara o mar.
- Xaneiro 2013: Muxía xa camiña cara o mar cunha nova marca turística.
- Marzo 2012, presentación do Proxecto: Muxía xa camiña ao solpor cara o mar dende Touriñán.
- Muxía garda o seu Patrimonio Cultural Inmaterial no Proxecto Buserana.
- Os Hosteleiros de Santiago promoverán o Camiño a Fisterra e Muxía.