López Abente asalta a internet
Seguimos repasando as novedades da Fundación López Abente. Se esta semana coñeciamos que xa está en marcha a obra completa de poeta muxián, hoxe voltamos á rede, para recuperar o que nos ofrece a nova web lopezabente.org.
Foron Suso Sambade (patrón da fundación e vocal da Comisión Executiva) e Martín Pardiñas, responsables da web, os encargados de explicar os contidos da mesma hai un par de semanas na Biblioteca Municipal. E ambos estiveron acompañados polo alcalde muxián e Presidente da Fundación, Félix Porto.
Como nos conta Suso Sambade, "a web foi unha iniciativa que partiu do traballo no IES de Brión do profesor Martín Pardiñas, eu e outros membros do ENDL (Equipo de Normalización...), pois elaboramos unha páxina web co nome de TABOLEIRO DA LINGUA para dar a coñecer o que acontecía coa lingua e presentar enlaces a sitios vinculados coa nosa cultura".
Así, o peso técnico foi de Martín, un laxense namorado da Costa da Morte, agora profesor no Fernando Blanco de Cee. "A idea de non facer unha páxina máis complexa foi para podela manexar nós e ila mellorando conforme vaian saíndo novas ideas", explica Sambade. "Ao abrila páxina lopezabente.org saen as Novas que a Fundación vai facendo. En Prensa colgamos os artigos da prensa dixital e tamén recortes, porque agora non publican todo no formato dixital. Podemos ver a vida e unha antoloxía da obra, así como artigos de opinión que non son fáciles de encontrar tan facilmente. Como cremos que debe ter unha finalidade educativa, puxemos un apartado Didáctico cun Roteiro e unha unidade didáctica feitas por Xan Fernández Carrera, mestre de grande experiencia pedagóxica".
Como vemos, trátase dun espazo completo, entre o que cabe destacar tamén a Tenda, agora con pouco material que ofrecer, pero a Antoloxía do autor non se pode atopar noutro lugar.
Máis información
Novas relacionadas
- En marcha a obra completa de López Abente.
- A Bretemada de López Abente finalista do Premio Ánxel Casal.
- A Fundación López Abente prepara novas publicacións e actividades.
- A muxiá Viki Rivadulla expón a súa arte comprometida na rede.
- Muxía salvou dun novo naufraxio coas anécdotas de Rafael Lema.
- A cultura muxiá resoa como a Pedra de Abalar.
- Cabaneses que espallan cultura.
- Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.
- Fernando Moreiras emulou a Plácido Castro e levou o Premio de Tradución.
- Rivadulla Corcón leva a lenda da Furna da Buserana a un libro.
- Muxía respostou na presentación de As Crebas.
- A Fundación López Abente e a SEMESCOM unen forzas para coidar o patrimonio.
- Muxía tamén quere ser "Vila Literaria" .
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Nota de prensa da Fundación López Abente.