O PP e 4 edís do grupo de goberno bloquean os orzamentos do Concello de Muxía
Parecía que o Concello de Muxía xa tiña fixada a folla de ruta para este curso coa aprobación dos orzamentos o pasado mes de xuño. Pero unha alegación presentada polo PP e os ecos da primeira crise no grupo socialista (votaron a favor da alegación os edís do PP e 4 edís do grupo de goberno, en contra da liña marcada polo alcalde) deixan os orzamentos “paralizados e bloqueados”, segundo denunciaba o propio alcalde Iago Toba.
As alegacións que presentaba o PP baseábanse en que “a estimación de ingresos dos orzamentos non corresponde coa realidade económica municipal”, considerando que pode haber un desfase de 50.000€ entre gastos e ingresos para un orzamento de case 4 millóns. Nese momento, Toba e a Intervención pediron ao grupo popular que indicase en que partidas se deberían corrixir, e tras un deceso de 5 minutos para deliberar, as alegacións saíron adiante.
O rexedor muxián, considerando que as alegacións rozan unha “posible ilegalidade”, como sinalou Intervención, quixo ‘pedirlle desculpas en nome do Concello de Muxía a todas e todos os veciños e veciñas deste pobo’, polo momento ‘vergoñento’ de ‘tentar botar abaixo uns orzamentos aprobados hai máis dun mes con maioría neste mesmo pleno. Pero non só iso, sen base teórica, obxectiva e incluso legal’, afirmou o rexedor. “Paralizáronse todos uns orzamentos, a folla de ruta das accións dunha administración pública, por puro berrinche político”, denunciou.
En todo caso, Intervención queda pendente de emitir un informe, deixando, polo de agora, bloqueados os orzamentos.
Proposta da retirada da adicación exclusiva a Mónica Vilela
A pleno non acodiu Mónica Vilela, concelleira socialista á que se foron delegadas as súas funcións por parte do alcalde. O propio Toba presentou unha proposta para retirarlle a súa dedicación, pero a edila do PP e 4 edís socialistas votaron en contra, polo que a edila si cobrará a súa adicación.