Un veciño de Leis e outro de Sendón limpan un tramo do camiño da Vía Céltica en Muxía
Continúa a falta de implicación dos Concellos co noso patrimonio e os recursos turísticos comarcais sendo unha constante na Costa da Morte. Xa a propia Maite Rojo, tras facer o ultratrail do Camiño dos Faros, sinalaba que a parte peor mantida era a do Concello de Muxía. E hoxe, cambiamos Camiño dos Faros por Vía Céltica para comprobar a falta de participación municipal noutro dos nosos produtos turísticos máis prezados.
A cousa vén porque o Camiño da Vía Céltica entre Leis e A O estaba sinalizado, pero pasaba por un tramo de estrada algo estreita. A promotora Asociación Costavales, analizando o mapa de Domingo Fontán, comprobou que había unha clara referencia a outro camiño pola parte de arriba do río. A entidade realizou unha expedición para sinalizar esta parte do Camiño, pero comprobando que era tremendamente inaccesible.
A entidade acabou contactando con Gumersindo, veciño de Leis, e con Tino Gándara, veciño de Sendón, histórico membro do BNG e coñecedor dos camiños da zona. Ambos, fartos de ver como as súas dúas aldeas esmorecen, implicáronse ao máximo coa esperanza de que a Vía lles devolva algo de vida.
Había que poñerse a traballar. Un sábado colleron os fousiños, e estiveron “mallando e espinándonos” durante toda a xornad, e foron atopando o Camiño e identificando e sinalándoo nos mapas oficiais. “Un camiño que debe ser de propiedade municipal”, explican dende a entidade, que é “un camiño precioso, con varios miradoiros impresionantes”, explica Chovi.
Pero había unha zona terriblemente inaccesible, “case unha selva”, na que facía falta un tractor. Así que o sábado que vén, os dous veciños sacaron de tractor e noutra xornada de duro traballo (mesmo rompendo varias partes do tractor), conseguiron recuperar esta fermosa parte do itinerario xacobeo.
MÁIS NOVAS DA VÍA CÉLTICA
- De Rutas y Sendas: “A Vía Céltica ten moito potencial que non dubidamos chegará a bo porto, nunca mellor dito”.
- A proposta de The Break para o sector turístico da Costa da Morte: Unha maior colaboración entre entidades e administracións locais.
- Descobren novos datos sobre o hospital de peregrinos de Buño na Vía Céltica.
- Suso Lista: Vía Stella.
- 2022: A Vía Céltica pide o recoñecemento oficial da Xunta.
- Decembro 2021: A “Vía Céltica” xa é Camiño oficial de peregrinación.
- Setembro 21: A Vía Céltica, o Camiño de Santiago que atravesa o altiplano do Xallas.