Luns. 07.10.2024
El tiempo

Descobren novos datos sobre o hospital de peregrinos de Buño na Vía Céltica

  • Un documento de 1594 convírtese na referencia documental máis antiga ata o de agora coñecida sobre a olaría en Buño
Descobren novos datos sobre o hospital de peregrinos de Buño na Vía Céltica
Novo achádego o que vén de informar a Asociación Costavales e o Concello de Malpica. Novos datos históricos sobre a ermida e hospital de peregrinos de Buño así como a referencia documental máis antiga ata o de agora coñecida sobre a olaría nesta localidade, que nun informe da igrexa do 1594 se explica pola existencia dun camiño francés procedente de Malpica.
Ata o de agora, a primeira referencia documental á olaria de Buño era dunha Cédula Real de 1688.

A descuberta produciuse como parte dos traballos de investigación para a elaboración dunha Guía do Camiño de Santiago en Malpica, que será publicada nos próximos meses, ao mesmo tempo que se finaliza a primeira sinalización dos itinerarios da Vía Céltica polo concello bergantiñán. Esta vía de peregrinación continúa desde Buño para Santiago pasando por Pontedona e Portomouro.

O informe representa a referenca máis antiga tanto do hospital e ermida de Santa Catarina como á propia actividade oleira de Buño e está conservado no Arquivo da Catedral de Santiago como parte dun mazo documental extenso e sen catalogar.
O documento, encargado orixinalmente pola igrexa compostelana para averiguar as rendas que debían cobrarse en varios arciprestrados, incluíndo o de Seaia, revela que mentres metade da poboación da parroquia de Santo Estevo de Buño eran labregos, a outra metade, isto é, 12 feligreses, eran oleiros, sapateiros e cesteiros, o que se explica “por ser camino françes do[nde] es hestilo y costumbre de hazer las dichas ollas y los dichos ofiçios”.
As testemuñas dan conta ademais de que “hai una hermita a que llaman Hespital de la abocaçion de la Señora santa Cathalina, que haora esta la dicha hermita y capilla cayda en partes y desbaratada, lo que no solia ser.” Se ben os veciños de Buño de finais do século XVI admiten que “el que la levanto y prinçipio no saven quien fue”, sí lembraban cómo no no pasado chegara a “aver camas de ropa y aora no hai ninguna”.

A investigación aínda non permitiu coñecer as orixes nen o momento de fundación do hospital pero sí o progresivo esquecemento no que foi caendo. O hospital de Santa Catarina menciónase nunha visita pastoral de 1598 e tamén nas memorias de Jerónimo del Hoyo de 1607. Mais na visita de 1650 o seu estado é calificado como “indecente”, mandando a Pedro Gorín, veciño de Buño ao que se atribuía o padroado sobre o hospital, que procedese de inmediato a tellalo e revocalo de cal.

Aínda que xa non hai noticias de peregrinos no século XVII, o visitador informa “que en dicha ermita se duermen los tenderos y otras personas forasteras que vienen y en ella hacen fuego”, dando continuidade ao antigo uso. Por posteriores visitas sabemos que Pedro Gorín atendeu aos requerimentos feitos, mais un século máis tarde, en 1741, a ermida volta a describirse como “yndeçente, proxima a arruynarse el techo”, facéndose xestións para que Francisco Varela Buitureira, xuíz do Couto de Xornes ao que se atribuía nese momento o padroado sobre o hospital, “componga y adorde con decencia la ermita”.

O lugar debeu acabar de arruinarse nas décadas seguintes, pois xa non existe máis rastro do que o nome da rúa central de Buño, que continúa denominándose coa advocación do antigo hospital.

Para a Asociación Costavales, este vello hospital, xunto cos de Carboeiro e Castriz, son unha peza chave para recuperar a historia da ruta xacobea desde os portos de Bergantiños a Santiago, recoñecida oficialmente pola Catedral de Santiago en 2021 logo de séculos de esquecemento.

Comentarios