Viki Rivadulla leva a resistencia e liberdade das súas Mulleres Atlánticas a Fonseca

Estreou onte, no Claustro alto do Colexio de Fonseca, Viki Rivadulla, a súa exposición “Atlánticas. Mulleres do Nordés”. Da man da Universidade de Santiago, a artista muxiá deixa a súa pegada pictórica e reivindicativa neste máxico espazo cultural da capital galega, con esta exposición aberta ata 25 de marzo.
Son 30 acrílicos, potentes, vistosos, cheos de cor e enerxía, realizados durante a pandemia, que serven de perfecta “declaración de principios e unha toma de postura ante unha forma de vida e unha cultura do mar” de Muxía e da Costa da Morte. Viki reflexiona sobre o dramático momento que viven as comunidades mariñeiras como a nosa. Unha idea que non sae da súa cabeza dende que “o Prestige comezou a cambiar a nosa identidade, a nosa forma de vida no mar”.
Para loitar por esa resistencia e esa liberdade nacen estas mulleres, convertidas en seres míticos, pero fundamentados nunha realidade e ligados ao seu oficio mariñeiro. “Mulleres apoderadas que defenden con orgullo o seu ser mariñeiro, mais alonxadas do estereotipo de muller agardando no peirao a volta do home do mar”.
Viki quere dar protagonismo a todas esas mulleres invisibilizadas, que movían o mundo co cesto na cabeza, que traían os percebes a casa, o millo, que palillaban, que socializaban… para rachar coas lendas patriarcais como a mesma lenda da Buserana. Agora, Florinda xa non esa nena afogada por un pai machista, é unha desas mulleres épicas que saen do mar para “rachar coa maldición dos úteros fendidos polas ausencias ou para marcar, donas do seu destino, a singradura da liberdade”.
”As Atlánticas néganse a abandonar a súa forma de vida ligada ao mar”, explica Viki. “Chegan para mostrarnos todo o que estamos a punto de perder, a beleza desa vida vizosa do mar que chegou das antergas e sobre o que teriamos que tomar urxente conciencia. Atlánticas canta unha canción de resistencia e liberdade nas voces das mulleres”.
Artigos de Viki Rivadulla en QPC
- Viki Rivadulla: “O Prestige foi o momento propicio para acabar coa nosa identidade, coa nosa forma de vida no mar”.
- 10 anos da Galería Mulleres.
- 8M, conxuro polo empoderamento.
- Viki Rivadulla: "Bruxa fala do empoderamento feminino e a sororidade como ferramentas para loitar contra a violencia”.
- A Barca, a pedra e o futuro.
- Moirame, o tesouro escondido da Costa da Morte.
- Pazos de Merexo.
- Que é a Sala do Perello?.