Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Arca da Campara

1 mamoa da campara 2022 copia
A mámoa da Campara neste 2022
A Arca da Campara

Xa dixen moitas veces que as cousas acostuman a aparecer cando non se buscan. Isto foi o que me pasou en marzo do 2019 (dous meses antes das eleccións municipais).
Talmente!

Nin sequera me fixo falta velo directamente. Bastoume con intuílo de esguello para que o corazón me dese un sobresalto.

Como era posible que despois de pasar polo mesmo sitio centos de veces nunca tivese reparado nel?

Parei á beira da estrada e saín do coche. Por momentos pensei que o que estaba vendo moi ben podería ser froito da miña fantasía máis que da realidade e dirixinme cara ao sitio dubidando do que estaba observando.

Era demasiado grande e quizais foi por iso polo que pasou desapercibido.

Tamén se podía ver desa maneira porque uns días antes se retiraran os eucaliptos que infestaban o espazo.

Cando cheguei ao sitio, vin como xa tiñan retirado e amoreadas no camiño as cepas (as pegadas que podemos ver nas fotos son das máquinas que se utilizaron para esa tarefa). Pero tamén observei claramente a silueta de tres mámoas. Dúas laterais e no cumio, aínda con eucaliptos, a que debía de ser a principal. 

1 Mámoas da Campara 24:4:2019 copia
Foto mámoas da Campara (Cores) (14/04/2019)

Eu non tiña dúbidas de que o que estaba vendo era un grupo de mámoas pero quixen confirmar que o que se presentaba perante os meus ollos era o que pensaba.

Chamei a Antón Bouzas, arqueoastrónomo e amigo, para que comprobase se no LIDAR se distinguía o que eu vía diante miña e a resposta foi afirmativa. Víanse nitidamente tres mámoas e posiblemente outra máis apartada do grupo.

Despois avisei o responsable de Patrimonio do Concello de Ponteceso (naquel momento do BNG) quen, ao igual que quince días antes cando atopei outra en Rebordáns de Pazos (Ponteceso), non tardou en presentarse no lugar acompañado do aparellador municipal (creo recordar).

2 Mámoa de Rebordáns 4:4:2019 copia
Foto mámoa de Rebordáns (Pazos) (4-4-2019)

Nese momento, pensando que pouco máis podía facer, dei o meu labor por rematado e colguei a nova nas redes sociais.

E houbo sorpresa!

Desta vez foi o bo amigo Xosé Manuel Varela quen me achegou máis información. Felicitoume por ter descuberto (sen eu sabelo), case con seguridade, a enigmática e, ata aquel día, esquecida “Arca da Campara”.

(3) López Ferreiro Historia de la Santa 2 Acra campara
Antonio López Ferreiro, “Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela” (1898-1911), tomo2, apéndice nº 18, p. 56.

Desde que apareceu con ese nome nun documento (ver aquí enriba) de doazón que Pedro Froilaz, Conde de Traba, e a súa muller, Guntrote Ruderiques de Guntrote Nunniz, ao Mosteiro de Santo Tomé de Nemeño no ano 1080, non se soubo máis dela. Nese documento aparece como marco ou linde do territorio do que se fai doazón, polo que naquel tempo de seguro que sería unha construción ben visible e distintiva (non se entende que fose cousa menor e que servise como referencia).

Evidentemente xa non conserva os ortostatos “por aquel (sinal) que está cravada na arca da Campara” que a farían ben visible na distancia e, desde o ano 2020, tampouco están as coirazas que protexían as outras dúas.

4 arca campara latin
“Perillo que se figet in illa archa de campara”.

Nese ano ás máquinas retiraron as pedras do terreo para sementar herba pero seguen mantendo, aínda que máis aplanada, a típica silueta alombada.

5 Mámoas da Campara (2021) copia
A Campara, 2021.

É unha mágoa que os responsables de velar e coidar o noso patrimonio non fagan nada para protexer e difundir a nosa riqueza. E non se podería entender que a día de hoxe esta antiga necrópole aínda non estivese catalogada e contase cun perímetro de protección.

Xunto co grupo das nove mámoas do Vaqueiro que hai no Monte do Faro (das que xa falara Pondal no 1864), a Arca da Campara (eu non coñezo outra máis antigamente documentada) deberían de ser debidamente estudadas e formar parte do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte.

O Concello de Ponteceso ten que revisar o que pode achegar a ese Parque e analizar ben a accesibilidade e o investimento necesario para sacar a máxima rendibilidade ao seu patrimonio.

O Parque do Megalitismo ten que servir de motor para mellora da economía e a vida das nosas vilas. E non podemos permitir que por desidia ou ignorancia perdamos os nosos maiores tesouros.

Aínda que coñecer, protexer e difundir o noso patrimonio é cousa de todos, son as autoridades que nos representan as que teñen que dar exemplo e facer pedagoxía para que os demais saibamos apreciar a riqueza que herdamos dos nosos antergos.

É difícil de entender que tanto os medios de comunicación como a xente que se indigna e criminaliza uns activistas do cambio climático por botar zume de tomate por riba do cristal de protección dunha famosa pintura, non digan nada ou miren para outro lado cando se trata da destrución de mámoas, castros, petróglifos, camiños e moitos elementos do noso patrimonio.

Se aínda non se pode entender a destrución de Palmira no medio dunha guerra, como podemos entender o que acontece en Galiza sen ningún conflito armado?

Destrucións irreparables que teñen responsables por acción e omisión e que, por sorte para eles, só a historia xulgará.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO LISTA

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios