Luns. 26.02.2024
El tiempo

Piden a inclusión de espazos de Ponteceso no Parque do Megalitismo da Costa da Morte

Petroglifos da Fieitaira
Petroglifos da Fieiteira
Piden a inclusión de espazos de Ponteceso no Parque do Megalitismo da Costa da Morte

Co Parque do Megalitismo en marcha, a recén constituída Asociación Cultural Insua da Viastela vén de emitir un manifesto a prol da incorporación no Plan de Megalitismo da Costa da Morte de tres espazos singulares: da Arca da Campara, das mámoas do Vaqueiro e dos petróglifos de Corme

Os Suso Lista, Fernando Vidal Collazo, Óscar Rey Calo, María Suárez e Xosé Manuel Varela recoñecen a súa satisfacción pola posta en marcha do Parque, e envían os seus meirandes parabéns á Deputación. Pero ao tempo lamentan que o seu Concello, o de Ponteceso, só teña no Parque inserido o Fuso da Moura, menhir que data da Idade do Bronce, situado no monte de Asalo, unha das ladeiras de monte Nariga.

”Fronte a isto, cremos que a selección dos elementos arqueolóxicos do concello de Ponteceso presenta tres graves omisións”.

Necrópole da Arca da Campara

Necropole da Arca da Campara
Está situada na marxe esquerda da estrada Pazos-A Campara case chegando a esta aldea pontecesá.

Xa foi citada nun documento medieval de doazón de propiedades ao mosteiro de Nemeño: “Preto de Coris Consumario, por aquel (sinal) que está cravado na Arca da Campara”. Tense coñecemento dela desde hai un par de anos e comezaron a realizarse trámites para a súa catalogación. Fórmana varias mámoas. Recentes labrores de preparación de pradería afectou a varias das súas coirazas.

Necrópole megalítica do Vaqueiro

Está situada a ambas marxes da estrada Niñóns-Corme á altura do Vaqueiro, na faldra do monte Faro que cae cara ás parroquias de Brantuas e Corme Aldea. A propia estrada, construída no século XX, cortou a sección dalgunha delas. Próximo a elas pasa o camiño real que cominicaba Niñóns con Corme, érguense a cruz do Vaqueiro e o cruceiro da Eirita, así como a fonte pétrea do Faro. Este camiño real foi tamén camiño da romaría do Faro para peregrinos desprazados desde as parroquias de Corme pola banda oeste e na dirección oposta desde Niñóns e outras parroquias de Bergantiños.

 

Desta necrópole megalítica destaca o gran número, perfil e variedade de mámoas que a conforman. Un elemento a destacar deste conxunto é que xa eran coñecidas polo bardo Eduardo Pondal a mediados do século XIX. Cítaas nun artigo publicado no xornal El Diario de Santiago (21 xullo 1874): "En el camino de Cormes [Corme] a Brantuas, sobre la vertiente que desciende del Faro a esta última parroquia, unos seis o siete". Pondal fala aquí de dolmens; polo tanto, deberían ter as súas pedras visibles. Destacar que esta é a primeira vez que Pondal escribe sobre un dolmen. Moitas décadas antes ca escribira o poema "O dolmen de Dombate”.

Conxunto de petróglifos de Corme

Segundo o Colectivo A Rula, o promontorio de Corme é “unha das zonas de arte rupestre máis singulares do país”. Están esparexidos polos seguintes espazos: A Campaíña, A Fieiteira, A Regadiña, O Petón da Sombra, Bostelo, Río de Riba ou Forcadas.

Os da Fieiteira – Meixoeiro son o conxunto máis complexo e relevante do Concello, con 15 paneis gravados entre dous grandes penedos de granito conforman a maior concentración de petróglifos a Costa da Morte.
Segundo o A Rula, presentan “similitudes coa arte rupestre atlántica, mais a tipoloxía dos gravados non son nada habituais: Cruces inscritas en círculos, escaleiriformes, ferraduras, círculos simples, “vermiformes” (óvalos alongados e divididos por liñas transversais), reticulados, etc.”

Os da Regadiña son dezanove motivos formados por cruces inscritas en círculos e cadrados irregulares. Nalgúns destes cadrados aparecen coviñas entre os brazos da cruz.

Tamén cómpre destacar os do Petón da Campaíña, “un dos santuarios rupestres máis singulares do noso país, tanto polas súas características como pola súa peculiar localización nun punto privilexiado da paisaxe con vistas á ría”, segundo A Rula.

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Comentarios