O Escoliña Fest reivindica, a base de talento, o galego como lingua vehicular
Acabou agosto e con el chegou ao seu fin a envexada Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal. O que pode ser perfectamente o mellor campamento estival do mundo rematou por todo o alto, co furacán de talento que supón o Escoliña Fest. Un minifestival no que os 356 nenos e nenas que participaron no campamento, soben o escenario para darlle o relevo ao Festiletras, que comezaba tamén onte convertindo a aldea do Couto na capital cultural de toda Galicia.
Que fermoso está o Couto estes días, con todos eses maiores sendo partícipes desta festa interxeracional cedendo os seus espazos para a celebración do festival, e demostrando un sentimento comunidade que só se pode conseguir no rural. "Dá gusto ver o pobo así de vivo", respóndenos Rosa, unha desas voluntarias sénior que tanto controla o tráfico, como aprende ás criaturas a coser ou cede unha eira para un concerto, ao noso agradecemento polo seu compromiso.
A comunidade, o talento e a reinvidación foron os protagonistas do Escoliña Fest, que ateigou de familias a eira da Ponte Dona. As Carmen, María e demais nenas presentadoras fixeron fincapé na importancia que cobra o galego no Couto como lingua vehicular no ensino, facendo ademais do rural unha potencia en materia educativa e reinvidicativa.
Comezaba a Asc da Música da Laracha demostrando que as crianzas tamén son artistas cando soben ao escenario.
De contado, e co mar como temática principal, foron subindo grupo a grupo para bailar temazos de Paco Nogueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra.
Rematou a romaría do mar coa tola actuación das 30 monitoras, que volveron vivir unha experiencia integral, formándose e formando, conseguindo facer que o Couto sexa a segunda casa para moitos nenos de toda a comarca. “A semente do Couto, que é impagable”.