O Couto afía á comunidade para recibir o Festiletras
Conta as horas a aldea do Couto para esta fin de semana tan especial. A primeira fin de semana de setembro leva anos convertindo a aldea pontecesá no epicentro das letras galegas. O Festiletras, un dos meirandes programas culturais galegos de todo o país, colle o relevo da escola de verán.
Cos entradas esgotadas para a xornada sabatina, ademais dos abonos, a vila está sendo engalanada para convertirse nunha festa da música e da literatura galega. Pasarán pola aldea artistas da calidade de Ortiga, Guadi Galego, Sés, Fillas de Cassandra, De Ninghures Lontreira ou Belem Tajes; así como contadores como Xurxo Souto, Olaia Sendón, Rosalía Fdez Rial, Pakolas, Lucho Penabade… Música, libros, artesanía, contos, graffiti, charlas… todo, co galego como fío condutor.
Comunidade
Pero se algo define a aldea do Couto é a comunidade. Son os maiores que colaboran de voluntarios na Escola de Verán, os que ceden as súas eiras para a celebración do festival. E así engalaban as casas estes días:
Venres de relevo da Escola de Verán
A xornada do venres será doble, e aínda quedan en tradas. Xa pola mañá haberá charlas con xentes bravas como a percebeira cormelá Xaqui Lista, a escritora Rosa Aneiros ou o polifacético Xurxo Souto. Xentes como Olaia Sendón, Ángel Carracedo, José Luís Rabuñal, as redeiras de Corme, Elena Ferro, ou a talentosa cociñeira Sandra Varela, veciña de Balarés, estarán falando do noso mar.
A partir das 14:30h remata a envexada Escola de Verán co festival de talento, que pecha un mes de agosto que supón un tesouro para 350 familias da comarca.
A partir das 16:00h arrinca o programa do venres, coa Romaría de Pakolas. Haberá teatro de Rúa con Lucho Penabade e Yago Espasandín, para dar paso á presentación de varios libros. A música arrinca ás 20:00h con Chicharrón, e despois irán pasando polas eiras, Alana, Inallar, para dar cabida xa na noite aos concertos de Belem Tajes, o recital de Yolanda Castaño, o concerto de Guadi Galego, e a entrega do busto de honra a Luís Dávila.
Sábado agotado
Xa están agotadas as entradas para o sábado, o gran día, que terá unha sesión vermú tremenda con Ataque Escampe e Sés; unha tarde con Antía Muíño, Quico Cadaval e Lontreira, ademais do teatro de Nuafraxios da Compañía Aantena. A noite virña da man de Mondra, Depedro e Fillas de Cassandra, aí é nada.
Domingo de salitre
O domingo empeza con citas para os nenos, a sesión vermú pasa a ser para adolescentes con Keixa e Ortiga. Pola tarde, Os Farramos, Maricarmenm, Pelepau, e De Ninghures porán o fin de festa en clave de foliada.
Artesanía
A Feira de Artesanía é outro dos atractivos do festival. Chega da man da Fundación Artesanía de Galicia - dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración- que colabora un ano máis co Festiletras. Este 2024, baixo o lema “Unha lingua para poder amar a mares”, o programa está dedicado á protección, coñecemento, tradición e inspiración do mar a través de diversas actividades e encontros.
Haberá tres obradoiros abertos ao público infantil, que se desenvolverán de 11,00 a 13,00 horas. Por unha banda, a artesá zoqueira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces) fará unha demostración relacionada coa unidade didáctica Eu son zoqueira do programa Artesanía na Escola. Mentres, a artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo), realizará un obradoiro de pintura sobre madeira no que se pintarán con acrílicos marcapáxinas con temática mariña. Finalmente, a artesá redeira Rosa Rodríguez desenvolverá un obradoiro no que se poden aprender as técnicas do seu traballo.