A Escola de Verán do Couto, especialista en seguridade viaria
Aínda coas obras a medias, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou onte O Couto para estrear a nova senda peonil coa cativada da Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal. Aproveitando que esta edición, a 42ª, a escoliña estival pon o foco na seguridade vial, a visita serviu para incidir na importancia de “inculcar entre os nosos rapaces unha verdadeira cultura da seguridade viaria”.
Os máis de 350 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos que gozan do mellor campamento do planeta, recibiron á comitiva demostrándolle que o ensino no rural pode ser a verdadeira vangarda. Contáronlle a Conselleira todo o que levan feito en comunidade cos maiores da aldea, que prestan as súas eiras, cociñas… e o seu tempo, para facer unha escola interxeracional.
Todo ademais, mentres a aldea se viste de Festiletras, pois esta fin de semana terá lugar o incrible festival das letras.
A senda
Como dicimos, o desenvolvento da escola coincide coa execución por parte da Xunta das obras dunha senda na estrada AC-424 no Couto. Trátase de 600 metros que dan continuiddade a un treito xa instalado, e aseguran que xa está e estado de execución avanzado.
Ademais a Xunta está a traballar na redacción do proxecto para habilitar dous novos treitos de senda nesta estrada AC-424. Trátase de construír dous treitos de senda peonil, que continuarán o itinerario en execución no Couto. O primeiro tramo proxectado conectará esta senda co final do paseo de Ponteceso; e o segundo irá desde Corme Aldea ata Corme.
A Xunta ten a vista posta en reforzar a seguridade dos peóns, polo que ao finalizar os traballos a velocidade de circulación nesa travesía limitarase aos 40 km/hora, reforzando ademais a sinalización no treito.