Martes. 22.09.2020
El tiempo

Esencia Festiletras brillou coa esencia propia do rural e a exemplaridade inconmesurable dos seus veciños

Concerto de Xabier Díaz no Festiletras-Foto-Damián Varela
Concerto de Xabier Díaz no Festiletras-Foto-Damián Varela
Esencia Festiletras brillou coa esencia propia do rural e a exemplaridade inconmesurable dos seus veciños

A festa das letras máis grande de Galicia conta con 38 anos de historia e a particularidade de celebrarse no entorno rural baixo o lema "A Cultura non é só terreo das cidades". Cada semana do 17 de maio e dende o 1982, a aldea pontecesán de O Couto, convírtese no abraiante escenario do festival da cultura galega. Este ano e coa aparición do coronavirus non se poido levar a cabo pero os membros do Patronato da Fundación Eduardo Pondal, organizadores do evento, afrontaron esta nova realidade presentando un novo formato adecuado ás normas de seguridade e conducta. Xorde así "Esencia Festiletras”.

"A esencia é o permanente, o característico, o fundamento. De aí o nome do Festiletras deste ano tan especial. É esencia dun perfume porque permanece o esencial; o fundamento da festa porque os aforos son limitados, os espazos son ao aire libre e con moitas medidas de seguridade; é esencia porque se trata de protexer a Cultura e ás persoas que se adican a isto e é esencia porque mantén o espíritu pero adaptado ás normas de protección ao contaxio do covid" comentaba Julia Ures, membro da Fundación Eduardo Pondal.

Esencia Festiletras
Yolanda Castaño, Elena Ferro, Irma Macías e Xosé Lois Romero no Esencia Festiletras. Fotos da FEP

Este ano non houbo feira de artesanía pero a esencia dos grandes artesáns mantívose presente. As rúas vestíronse de pracas de barro e a alfareira Carmen Isabel Labrador transmitiu a través de charlas informativas un traballo tan arraigado á Costa da Morte a través da olería de Buño. A artesá máis universal, Elena Ferro, tamén explicou aos asistentes como algo tan tradicional como son os zocos se poden convertir en moda e actualidade sen perder a esencia do que ter os pés na terra significa.

"Paréceme marabilloso o que fan. O poder de adaptación ante a vida en xeral que ten a aldea do Couto é un exemplo a seguir. Son uns auténticos loitadores da cultura galega" manifestou a universal zoqueira tras o seu paso pola aldea pontecesán.

A ciencia tamén estivo representada en pequenas dosis con David Ballesteros e o profesor- doctor Ángel Carracedo. Xurxo Mariño, Vero Rilo, Paxos de Mereco (Xosé Lois Romero e Suso Bahamonde), Os Quinquilláms, Yolanda Castaño ou Luís Dávila son algúns dos embaixadores da cultura galega que completaron estas xornadas coa esencia da música, da ciencia, do espectáculo, da poesía...

Os muros da aldea son o lienzo en branco no que cada ano e a través de marabillosos murais, cobran vida grazas aos artistas como este ano o fixo Luis Davila que plasmou a súa esencia máis creativa.

O Bichero no Festiletras
O Bichero deixou a súa pegada no Couto

Os máis pequenos participaron nos diferentes obradoiros impartidos, principalmente, polas mañás, mentres que polas tardes se achegaba un público ben distinto. Toda a aldea é un escenario enxebre cheo de alpendres e cruces de camiños cedidos polos veciños para acoller tanta música, maxia, teatro... que ofrecen as actividades.

Yolanda Castaño foi a escargada de achegar á poesía a unha cativada moi entregada, participativa e preparada.
É un traballo heroico e Festiletras é un proxecto abraiante coa intención, co obxetivo, co soño de poder levar ao rural unha cultura, divulgación, ciencia e arte máis ambiciosa. Trátase dunha programación, excluíndome a min, de máximo nivel que se pon a dispor da veciñanza dunha maneira aberta e xenerosa. Ésto só se pode facer se existe detrás unha equipa dotada dunha capacidade de traballo, unha coraxe, unha fouteza, unha implicación, unha entrega e un sentido de compromiso e xenerosidade inconmesurables. Os resultados son visibles. Pola miña parte, non é a primeira vez que participo en Festiletras e podo comprobar que sempre están á última en canto aos temas de divulgación científica, ás prácticas creativas, etc. A miña participación foi dirixida ao público máis pequeno e podes ver no comportamento dos nenos que foron transmitidos uns hábitos culturais, un aprecio da arte e da cultura. Podes notar o seguimento e a implicación no que se levan a cabo as actividades. Os estándares de calidade, tanto do que se ofrece como do que se recolle, son moi altos. O fermoso de todo isto é que cada vez haxa, polo tanto, menos diferencias a nivel sociocultural entre o rural e as cidades, entre as aldeas e as cidades. Ésto xa se viña observando. Paseando por unha cidade a fin de semana ou por unha feira ou unha festa, onde poden acudir persoas do mundo rural ou do urbano, pois notas menos diferenzas. A oferta cultural, creativa e científica a que teñen acceso estes rapaces do Couto pois pásalle moito por diante a de moitas cidades galegas hoxe en día. A Fundación Eduardo Pondal foise facendo cunha equipa abraiante, moi implicada, sensible e delicada. O tratamento é realmente exquisito. A organización é magnífica da que, en moitos aspectos, terían que aprender institucións máis poderosas. Para min, resultou unha experiencia emocionante. Festiletras é un proxecto que se abriu de tal maneira en forma de comunidade que me recorda ao Festival de Cine de Cans. Esa implicación da veciñanza que abre ás súas eiras, as hortas, os alpendres abertos para celebrar un evento tan constructivo, soñador e realista. No meu obradoiro de poesía, estaban os cativos sentados en pacotes de palla, participando cunha resposta excelente durante unha hora e media no que se xestou un poema colectivo coa natureza (as árbores) como protagonista. Unha resposta moi entusiasta onde a aprendizaxe e o entretenemento camiñan da man”.

Este ano o premio Bos e Xeneroso que, normalmente reciben catro persoas, este ano só o fixo unha e foi Xabier Díaz que, xunto coa artista bergantiñana Sés, puxeron a esencia musical dos concertos celebrados, nesta ocasión, na eira da Fundación ao aire libre e con aforo limitado.

Ses no Esencia Festiletras-Foto-Damian Varela
Sés no Esencia Festiletras-Foto-Damián Varela

O premio Literatas deste ano recolleuno unha gran artista da Costa da Morte, coñecedora do festival por diversas participacións e moi querida polo público. Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre agradecía así este agasallo.
"Levo moitos anos tendo o pracer de participar dun xeito ou doutro tanto no Festiletras coma en diversas actividades no Couto pero este ano, o festival, a pesar das diversas medodas de seguridade que hai que acatar por mor da pandemia, vai seguir tendo a esencia Festiletras que tanto o caracteriza...Unha vez que entras alí é como entrar nun universo paralelo. Todo é maxia; está a cultura e todo o noso en cada recuncho de esa aldea. E logo tamén está o cariño co que é recibido toda a persoa que alí entra. Recibir este premio Literatas é algo que me fai moi feliz. Poder contribuir ao espallamento da miña cultura galega cantando dame a vida e con este premio síntome máis viva aínda"

O novo formato do festival Festiletras pechou, un ano máis, unhas magníficas xornadas onde cabe destacar a loita e a xenerosidade do rural por abrirse camiño e convertirse en todo un referente da Cultura nun entorno que parece esquecido polo espazo urbano e global que nos invade.

comentarios