Luns. 07.10.2024
El tiempo

Lamentan os problemas para enviar 2.000kg de axuda humanitaria a La Palma

Protección Civil de Carballo asegura que a semana que vén sairán si ou si os máis de 5.000kg que rebosan no seu almacén, boa parte colleitada pola Confraría de Pescadores de Corme
Remolques da Proteccion Civil Carballo
O vehículo de Protección Civil de Carballo tivo que facer dúas viaxes ata Corme co remolque para traer toda a axuda que conseguiu a Confraría
Lamentan os problemas para enviar 2.000kg de axuda humanitaria a La Palma

Debería ser o máis fácil, pero estase convertendo no principal escollo para que axuda humanitaria colleitada pola sociedade civil chegue á La Palma. Estase complicando enviar material á illa afectada pola erupción do volcán Cumbre Vieja, e dende todas partes da península están tendo problemas para conseguir enviar todo o que a solidariedade civil está conseguindo xuntar.

Acontece na Costa da Morte. A marea solidaria que encabeza Corme xuntou esta semana outros 2.000kg de produtos de hixiene, limpeza, para bebés, material de obra, cascos, plasticos… A comezos de semana xa quixeron enviar outro tanto, pero atopáronse coa negativa de empresas como Correos ou Nácex, que lles trasladaron que teñen os envíos pechados á illa.

Material para La Palma dende Corme

Menos mal que a nivel estatal Protección Civil ten un convenio establecido polo que todo o recollido ata o día de hoxe, venres 8 de outubro, poderá ser enviado ao longo da semana que vén dende cada Agrupación Provincial.

A Agrupación carballesa está coordinando así a recepción de todo este material, tendo o seu almacén a piques de rebosar de solidariedade.

Axuda proteccion Civil Carballo

Pero dende a Confraría de Pescadores de Corme, despois de conseguir mobilizar 4.000 kg de produtos (conseguiron que unha ducia de establecimentos aceptaran servir de punto de recollida, que centos de veciñ@s de toda a provincia se animase a mandar algo, foron recoller coa súa furgoneta toda esa e a trasladaron a Carballo…), pregúntanse “como é posible que o máis difícil sexa envialo”. Preguntaron en varias empresas, mesmo por un container para enviar dende o porto de Vigo, pero “que garantías teríamos de que chegase ao seu destino?”, pregúntase o patrón maior, Roberto Vidal, despois de cargar eses 2.000kg de axuda, e esperanzado de que polo menos Protección de Carballo si que poida facer o envío.

Pero recoñece que xa recibiu chamadas dende varios sitios (a confraría de Camariñas, a Asociación de Mulleres de Bergondo, a Federacion de Confarías de Guipúzkuoa…) preguntando como se pode enviar a axuda que están recolectando. “O máis fácil que debería ser coordinar dende o goberno ou as administracións os envíos de axuda, está sendo o máis difícil, non se entende”, láiase. “Notamos en falta o apoio de políticos, ou de representantes de empresas fortes como Correos, porque aló sabemos que seguen necesitados, pero nós non sabemos como axudar”, sentenza.

Hoxe venres 8, ata as 21:00h Protección Civil segue recollendo material, e o propio Xefe da Agrupación carballesa e presidente da Agrupación Provincial, Juan Barca, asegura que ao longo da semana que vén se vai enviar, si ou si, todo o material, ben por medios propios con algunha empresa de transporte, ou ben a través da Asociación Nacional, que coordina a chegada de axuda en todo o estado.
Un Barca que focaliza a gran resposta na comarca de Bergantiños no trabalo feito dende Corme: “o da Confraría de Corme é unha pasada”, recoñecía.

A partir de aquí, non se sabe moi ben que pasará. En principio están pedindo que se paren as doazóns, se ben a Confraría de Corme aínda ten pendente pasar a recoller por varios puntos. En calquera caso, dende o pósito e dende Prot. Civil teñen claro que “se alguén nos dan garantías de que se van enviar, mobilizaremos todo de novo”.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios