Outra nova senda peonil da Xunta para Ponteceso

Presentouse onte en Ponteceso a nova senda peonil que a xunta vai realizar en Ponteceso, e que prolongará o actual paseo litoral de Ponteceso seguindo o curso do río Anllóns pola súa marxe dereita, reforzando a posta en valor do río Anllóns.
As obras comezarán a primeira semana de outubro e quedarán executadas antes de que remate o mes de novembro.
O proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 45.000 euros, contempla a execución dun tramo de arredor de 500 metros de lonxitude, coa colocación dun bordo de aceiro corten, a habilitación dun pavimento de terra estabilizada con cemento de 10 centímetros de espesor e a instalación de bolardos metálicos que impedirán o acceso de vehículos.
A Xunta volveu escoller un concello da comarca de Bergantiños dirixido polo mesmo partido, como xa fixo con todas as sendas anunciadas neste 2025, desenvoltas en Laxe, Cabana, Ponteceso, Coristanco, e outra vez Ponteceso.