Martes. 02.03.2021
El tiempo

O PP de Ponteceso espera que os 6 concelleiros socialistas pasen ao grupo de non-adscritos para falar da moción de censura

Pleno de Ponteceso en setembro 2020
Imaxe do pasado pleno de setembro co voceiro do PP Daniel García Cotelo en primeiro plano
O PP de Ponteceso espera que os 6 concelleiros socialistas pasen ao grupo de non-adscritos para falar da moción de censura

Non calma a marea socialista no seo do goberno de Ponteceso. Ata o punto de que o propio alcalde, Lois Carballido, vén de solicitar un informe de Secretaría sobre a viabilidade dunha hipotética moción de censura, unha realidade que polo de agora non se recoñece publicamente nin dende os 6 edís do PSOE contrarios ao seu alcalde, nin dos grupos de PP ou APIN.

En todo caso, o informe, que considera que non sería “viable” a moción pola situación dos edís socialista, vén de provocar a reacción duns e outros.

Os 6 concelleiros do PSOE contrarios ao alcalde volven enviar un escrito no que denuncian que “o único importante para el é o seu posto”. Volven lamentar que tiveron, os edís e mesmo o delegado de prevención de riscos laborais, que enteirarse pola prensa do peche da Casa do Concello por un positivo en Coronavirus (volve abrir hoxe venres). Sobre a viabilidade ou non da moción, son rotundos: “descoñecemos a formalidade do informe e de que expediente forma parte, agora ata involucra a funcionarios... o que vemos e que está moi preocupado porque non lle quiten o sillón, dá igual os positivos, a pandemia, os traballadores e os veciños e veciñas”.

Pola súa parte, para o PP o informe é un claro exemplo do “poñer a venda antes da ferida”. E fan unha reflexión: “un alcalde, traballando de mestre polas mañas, e unha concelleira, levando o concello de Ponteceso. É imposible cumplir o proxecto político”. Por iso, lle piden que “se fora coherente e tivera un pouco de ética deixaría o seu sitio a outros concelleiros válidos”, e reiteran no que levan meses dicindo: “isto é a crónica dunha morte anunciada”.

Respecto a posible moción de censura, o voceiro do PP, Daniel Garcia Cotelo, pon pasos: “Esperemos a que os concelleiros do PSOE pasen ao grupo de non adscritos e despois falaremos do que faga falta.

Novas da crise do #PSOEPonteceso

comentarios