Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Santa Comba sae á rúa contra os eólicos

Cartel_Manifestacion-Eolicos-Santa Comba-4-12-21
Santa Comba sae á rúa contra os eólicos

Este sábado 4 de decembro, a partir das 11:30h, a veciñanza sae á rúa nunha manifestación comarcal que partirá da Casa do Concello e subirá ata a Casa da Cultura, onde se lerá este manifesto:

Manifesto da Plataforma Non + Eólicos

Xa hai en funcionamento o parque eólico do Monte Castelo con 25 aeroxeradores, o parque eólico Fontesilva con 12 aeroxeradores, en proxecto o Cerqueiral con 6 aeroxeradores. Veñen de saír a información pública os parque eólicos de Portochán, As Castiñeiras, Monte Silvariño con 31 eólicos máis.

Agora mesmo están á espera dos permisos de instalación os tres parques eólicos previstos no entorno do espazo natural da Braña Rubia: Bustelo, Campelo e Monte Toural; nos concellos de Santa Comba, Coristanco e Carballo. Isto supón a instalación de 27 novos aeroxeradores, ademais de toda a rede de viarios, cableados, estacións colectoras e dunha Liña de Alta Tensión desde O Campelo ata Mesón do Vento, 40km de tendido que atravesa Coristanco, Tordoia, Cerceda e Ordes.

Para a veciñanza é importante a produción de enerxías limpas e renovables pero iso non significa que esteamos a favor da destrución do rural. Somos zona de sacrificio cun importante impacto ambiental e social. Que pasa con todos os lugares que quedan dentro destes parques eólicos?

Hai que ter en conta tamén as poligonais dos parques eólicos, estas poligonais abarcan un territorio moito máis extenso que os propios parques eólicos, que pasa con todas estas terras que quedan dentro das poligonais, pois que a VOCACIÓN das terras cambiará, o uso predominante xa non vai ser o agrícola senón o industrial.

Afeccións ambientais

Brañas e humidais veranse gravemente afectados pola invasión de eólicos. Os servizos ecosistémicos de brañas e turbeiras asócianse á conservación da biodiversidade e ao almacenamento e regulación de augas superficiais e subterráneas, só o 5 % do territorio europeo son brañas polo que son hábitas prioritarios para a súa conservación.

A Braña Rubia en Coristanco foi proposta para ampliación da Rede Natura 2000, A Lagoa de Alcaián aparece dentro do Catálogo de Humidais de Galicia e tamén no Catálogo de Paisaxes de Galicia coa categoría de área de Especial Protección Paisaxística. Un espazo protexido que pretenden rodear de turbinas.

Nesta zona hai especies endémicas, entre elas a Centaurea Ultreia que está recollida no catálogo de especies protexidas coa categoría de “en perigo de extinción”.

En canto ás especies animais, hai varias cualificadas de vulnerables e de interese comunitario. É o caso do lagarto silvestre (Lacertascheiberi), a rá de San Antón (Hylaarborea) ou o pintafontes (Triturusmarmoratus). Unha protección estrita non é compatible coa instalación destas infraestruturas.

Está probada a alta mortalidade de aves causada polo choque cos aeroxeradores e, nesta zona, hai especies protexidas como a tartaraña cincenta (Circuspygargus) , o picanzo vermello (Laniuscollurio) ou o sisón (Tetrax tetrax) e incluso aves en perigo de extinción como o Zarapito Real (Numenius arquata).

No que respecta á hidroloxía, ademais da Lagoa de Alcaián, existen varios regatos e cursos de auga que dan vida e acollen unha serie de endemismos propios de Galicia, como o río do Sol, ou o río Mira, que nace na mencionada lagoa e que, ao seu paso por Castriz (Santa Comba), forma unha fervenza, enclave natural e zona de lecer para a poboación local ademais de ser o maior reclamo para os visitantes do concello. Ademais, o Mira achega auga ao río Xallas, único río de Europa que desemboca no mar en forma de fervenza. Os tres parques irían situados en áreas de afloramento de fontes de auga potable de alta calidade.

A drenaxe de leitos fluviais, arrastre de terras cara cursos de auga, vertidos de sustancias contaminantes, alteración física de correntes de auga, así como unha posible alteración na calidade das augas, podería ter unha afección directa nos cursos fluviais, así como na poboación e nunha flora, como os brezais atlanticos, e fauna altamente sensibles. Esta situación repitese nas brañas de Freixeiro e Portochán (Santa Comba).

Ata onde soportará o territorio a remoción de terras, é dicir, o movemento artificial de toneladas e toneladas de materia. O solo tarda en constituirse séculos e en destruirse días.

Ademais a terra nunca volverá á mesma situación na que estaba pois deixan os pavimentos que utilizan para as plataformas dos eólicos, non as quitan, o que fan e cubrilas con terra vexetal sen retiralas.

Tamén correría perigo a riqueza cultural material e inmaterial. Aquí atopáronse machadas de pedra do paleolítico inferior, están catalogadas mámoas, castros, conventos e igrexas de gran valor arquitectónico, sen esquecer o paso por Alcaián da vía XIX Per Loca Marítima da época romana e dun posterior camiño real. Hai constancia tamén dun camiño de peregrinación a Santiago dende a costa, atravesando Coristanco, Santa Comba e continuando cara Santiago. A Igrexa de san Fiz de Freixeiro data do 1200 e esta mesma parroquia contaba cun hospital de peregrinos no século XVI.

Que este territorio estivese habitado dende a prehistoria provocou a aparición de innumerables lendas: lenda de ciudades asulagadas, lendas relacionadas con seres mitolóxicos adscritos aos castros, a lugares sagrados etc.

Afeccións sociais

Estas instalacións alteran o noso modo de vida e, o que é peor, a nosa saúde. Hai estudos que sinalan que “o ruído e as vibracións procedentes destes muíños podería estar detrás dun aumento dos problemas de saúde nas poboacións cercanas”.

Neste megaparque, hai o caso de vivendas situadas a 400 metros dos aeroxeradores, por debaixo dos 500 metros que establece o Plan eólico de Galicia. Cando se redactou este plan, hai máis de 15 anos, os aeroxeradores eran de menos dun megavatio de potencia e de entre 30 e 40 metros de altura, nada que ver con estes de máis de catro megavatios e 180 metros de altura. Polo tanto, a distancia marcada polo citado plan quedaría moi curta. Hai situados a escasos 500 metros lugares enteiros: vivendas, granxas e zonas de traballo debaixo dos eolicos..

Ademais, as liñas de alta tensión previstas para o transporte da enerxía ao longo duns 40km irían pegadas a numerosas vivendas, quedando os seus habitantes sometidos aos efectos dos campos electromagnéticos, os cales é sabido que son gravemente adversos para a saúde.

E tamén se debería ter en conta que, no rural, facemos vida fóra das vivendas, nas hortas e leiras ao redor das casas polo que o risco de sufrir os prexuízos dos parques eólicos instalados a escasos metros é moito máis.

Afeccións socioeconómicas

Respecto ao ámbito socioeconómico temos que contar cunha previsible perda da base territorial, tanto forestal como agrícola e gandeira. Isto pode derivar na destrución de postos de traballo vinculados a estes sectores, ademais da total eliminación do interese turístico da zona.

Non esquezamos os efectos negativos para a gandería xa que, igual que os humanos percibimos os efectos negativos do ruído e as vibracións das turbinas, os animais tamén os senten e aféctalles ao organismo e consecuentemente á produtividade.

Fragmentación

Por se fora pouco, todo apunta a que estaríamos ante un parque unitario, que é fragmentando para poder ser tramitado pola lexislación autonómica - máis laxa e rápida aos intereses da empresa en detrimento dos intereses da veciñanza - en lugar de pola lexislación estatal.

Polo tanto, por todas estas razóns, cremos que a instalación deste megaparque - dividido en tres - é totalmente prexudicial para a zona, para o territorio, a flora, a fauna e as persoas que vivimos aquí. E consideramos que a mellor opción é non levalo a cabo.

Non entendemos a manchea de infraestruturas eólicas pois na Galicia xa acadamos os obxectivos das renovables para o 2030, xa non é que cheguemos ao 30% senón que xa producimos 75,6%, segundo a rede eléctrica de España.

  • Non entendemos a declaración de utilidade pública destes parques, e en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica.
  • Non entendemos a expropiación das terras.
  • Non entendemos que a mercantil promotora nos califique como “poboación deprimida de montaña”.
  • Non entendemos o desprezo cara hábitats protexidos.
  • A nosa riqueza é a nosa forma de vida: Defendámola.
  • A nosa riqueza son as paisaxes: Conservémolas.
  • A nosa riqueza é a terra e a xente que vive nela.
  • Moitas grazas polo apoio, non estamos diante dun problema local senón territorial.
 

NOVAS SOBRE OS EÓLICOS

Comentarios