Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Cruceiro de Cheis volve, restaurado e datado, ao seu lugar

 Cruceiro de Cheis -Vimianzo-restaurado
O Cruceiro de Cheis volve, restaurado e datado, ao seu lugar

O Concello de Vimianzo rematou os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, novamente instalado na súa ubicación orixinal. As tarefas abrangueron desde a adecuación da contorna ata as actuacións na base e no propio ben. A falta da entrega da memoria técnica, todo parece indicar que a súa orixe se remonta ao século XIV.

Un dos descubrimentos máis relevantes foi atopar capas de preparación, que fan referencia aos distintos niveis que se aplican para poder pintar sobre él. Na cabeza da Virxe, nas mans do neno Xesús e nas vestimentas.
Ademais das figuras obvias, as persoas encargadas da recuperación tamén sacaron á luz unha nova: a que parece representar a persoa que pagou o Cruceiro de Cheis, e que o fixo a modo de penitencia, porque a pesar de vestir de nobre, está descalzo.
Tamén se pon de relevancia que a vara é posterior ó corpo iconográfico, que o núcleo está en boas condicións e todos os chanzos presentan ou ben petróglifos ou ben marcas de canteiro, que se estudarán detidamente na fotogrametría.

Por outro lado, reconstruíuse o perímetro de observación, de dous metros a cada lado e configurouse novamente o valado intentando respectar os liques para non alterar a paisaxe que circundaba o cruceiro orixinalmente. Na excavación, no propio lugar de asentamento do Ben de Interese Cultural, realizouse unha nivelación e conformouse unha nova zapata. Sobre esa peza colocouse un drentes, que é unha lámina que impide que as sales emigren cara arriba e afecte á pedra.

Cómpre destacar que dentro do equipo de traballo se atopaba un vimiancés, o canteiro Ismael Cernadas, xunto coas arqueólogas Mónica Borrazás e Cristina Seoane, e a restauradora Comba Torre.

Comentarios