FP Dual: “Meténdoos na empresa, o alumnado responde doutra maneira, madura moitísimo"
Comeza o novo curso formativo e a oferta de FP Dual continúa medrando e converténdose nunha alterativa moi acaída para mocidade menos acostumada a sentar no pupitre. Son varios os centros da comarca e moitas as empresas adheridas, que forman parte desta proposta formativa, moi enfocada á inserción laboral nas que o alumnado pasa un tempo na aula e moito máis realizando prácticas remuneradas directamente na empresa.
É o caso do FP Dual de Soldadura e Caldeirería que acolle o IES Fernando Blanco de Cee, que este ano afronta o seu segundo curso. A fornada de 12 alumn@s comezan en breve o novo curso despois de pasar dende abril ata o pasado 31 de agosto (con algunha excepción) traballando arreo en empresas como Gerca (en Vimianzo), Malasa (en Cerceda), ou Gloucor (en Ponteceso).
”É unha experiencia moi positiva”, sinala Bibiana Bértoa, responsable de FP do ceense, tendo en conta que falamos dunha oferta pensada para moz@a maiores de 16 anos que non teñan ESO nin equivalentes. “Meténdoos na empresa responden doutra maneira, maduran moitísimo. Este ano estarán ata xaneiro en clase, onde mallamos as técnicas concretas que usan nas empresas coas que colaboramos. Vas ao práctico, enfocando o ciclo ás empresas. En febreiro xa marchan a traballar empresa e moitos quedarán. De feito, algunhas empresas xa querían quedar con moitos dos alumnos peo lle dixemos que esperasen a que rematasen os estudos. A empresa aposta por eles e nós pola empresa”, sinala en relación á alta inseción que consegue este modelo de formación profesional.
A experiencia GERCA
”Nós levamos moitos anos traballando coa FP convencional e tamén coa Dual porque realmente cremos que é o xeito máis efectivo de preparar aos mozos e mozas para sair ao mercado laboral”, explica Mélani Lois, responsable de comunicación da empresa vimiancesa Gerca. “Vendo o éxito que tivemos ata agora, e gracias ao esforzo do IES Fernando Blanco de Cee, decidimos dar un paso máis e lanzar unha FP Dual de curso completo adaptada ás necesidades de Gerca. Isto implica que o plan formativo se confecciona entre o centro e a empresa, e durante os dous anos de curso a formación repártese equitativamente entre ambos”, debulla.
Este doble curso (cada fornada de 12 alumn@s realizan dous cursos) son 6 os rapaces que realizan as prácticas en Vimianzo. Un deles é Borja Costa. Esperando o comezo de curso valora a experiencia como “moi positiva. A min que non me gusta moito estudiar, e alí estou ben traballando no mundo da soldadura. Estiven coa máquina de TIG e a de fío, ás veces toca axudar coa plegadora… Gústame moito, a verdade”, explica. ”Penso que é moito mellor que un Ciclo Medio normal. Antes do Dual fixen mecánica no Fernando, pero era moita teoría e non era para min, non o puiden acabar. Este Dual no Fernando é máis práctico. Recoméndollo totalmente a estudiantes, e a ver se se poden facer máis FP duais”, apunta.
Sobre a experiencia na fábrica vimiancesa, destaca que “o trato con nós é fantastico. En poucos días xa eramos uns máis. Aprendes máis un día en Gerca que todo o trimestre no instituto, a verdade”.
Máis oferta de FP Dual na comarca
Na comarca hai tamén outras opcións, aínda con prazas dispoñibles, de FP Dual para este curso:
- FP Dual “Automatización e Robótica” tamén no IES Fernando Blanco, coa inscrición aberta e prazas dispoñibles, para comezar 1º e realizar prácticas remuneradas en empresas como Aluminios Cortizo en Padrón, Xeal en Cee, Gloucor de Ponteceso, ou Carbónicas Landeira de Santa Comba.
- FP Dual de “Cociña e restauración” no IES de Muxía, con prazas dispoñibles, como recordabamos esta semana, e prácticas en empresas como A lonxa Dálvaro, As Baleas, Son do Mar, a Casa do Peixe, A Furna, A Marina, O Hotel Insua, O Semáforo, O Parador ou o Villa de Oro.
- FP Dual “Automoción” no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, con prácticas en máis dunha ducia de empresas e tamén con prazas dispoñibles.
Toda a información en nesta ligazón da na web da Xunta.
NOVAS RELACIONADAS