En marcha a restauración dos cruceiros de Casas Novas e Tufións
Longo interese ten a comarca de Soneira nos cruceiros. E por Vimianzo, seguindo o camiño aberto hai anos, seguen apostando pola recuperación do patrimonio. Desta volta fano coa restaurantación de dous elementos catalogados como Ben de Interese Cultural que datan de hai máis de 100 anos: os cruceiros de Casas Novas e Tufións.
Volve ser Tito Concheiro, director da excavación do Castro das Barreiras, o responsable destes traballos xunto con Candela Alvarellos, de Terra Arqueos.
Está prevista a súa colocación na ubicación orixinal. “Os cruceiros non están deseñados para as vías de comunicación modernas, nin para o tráfico pesado que hai hoxe en día”, destacaba o arqueólogo Tito Concheiro, responsable xa dos traballos no Castro das Barreiras, e respondendo á problemática destes dous elementos, xa que quedaran situados nunha rotonda, con paso de vehículos a ambos lados. “O cruceiro dalle valor ao sitio, son iconos”, destaca Concheiro, quen se refire a Galicia como “o país dos cruceiros”, si ben xa recollía isto Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza”.
Como curiosidade, Concheiro explica que “na base do cruceiro de Casas Novas pode lerse a inscrición completa: “Se hizo por bonificación (por devoción) de Mourelle, año 1899”. Cabe destacar que aínda hoxe en Casas Novas reside unha familia con este apelido.