Xoves. 04.06.2020
El tiempo

O Cruceiro dos Vaos e outras historias

A Virxe en recollida actitude de oración no Cruceiro dos Vaos
A Virxe en recollida actitude de oración no Cruceiro dos Vaos
O Cruceiro dos Vaos e outras historias

Nestes días de Semana Santa coido que é moi axeitado lembrar as mostras do noso patrimonio monumental onde a paixón e morte de Xesús ten un especial protagonismo: os cruceiros. Como temos moitos hoxe ímonos centrar no do adro da igrexa parroquial dos Vaos.

Realmente no adro hai dous cruceiros: un pequeno e sen ningunha imaxe que está no lateral sur da igrexa. Pero o que máis nos interesa é o que se atopa en fronte da fachada principal do templo. Ningún dos dous foi creado para o espazo que ocupan na actualidade. O seu emprazamento orixinal estaba a varios quilómetros e a moita menor altura, no fondo e espallado val que formaba o Xallas ao seu paso por estas latitudes.

O cruceiro pequeno coa casa do Alvite ao fondo, propiedade da familia que doou os terreos para a construción de todo o complexo parroquial.
Vista xeral do adro co cruceiro grande en primeiro plano

Usamos o verbo en pasado porque, aínda que o río segue descorrendo polo mesmo lugar, o val ao que facíamos referencia atópase asolagado dende que en 1966 se rematou a presa da Fervenza e todas as terras baixas que había río arriba, ata cerca da ponte de Brandomil, quedaron debaixo das augas formando un dos encoros de máis dilatada superficie de Galicia. Foron moitos os lugares afectados e moitos os veciños que se viron obrigados a deixar as súas casas e as súas terras e buscar acubillo noutro sitio. Entre estas aldeas atopábase a que lle daba nome á freguesía: Os Vaos. Un pequeno lugar no que se situaba a igrexa, o cemiterio e dúas casas: a reitoral na que vivía o cura da parroquia e a do Laghecho.

Os cruceiros citados formaban parte deste entorno: o pequeno nos arredores do templo e o grande no campo da festa situado a uns douscentos metros do adro, á beira do río que vén de Abeleiras e ao lado dunha ponte que o atravesaba. Ponte na que practicamente se xuntaban os camiños que conducían á igrexa dende O Niñán e Abeliras por un lado, e do Ribeiro, Castrerón e A Pesqueira polo outro. Nesta paraxe atopábase un pequeno palco no que se subían os gaiteiros os días de festa, e o xa mencionado cruceiro. Ao seu pé chegaban tódalas procesións que se celebraban na freguesía: o Carme o segundo domingo de xullo, Santo Antonio o 21 de setembro, o Sacramento o primeiro luns de outubro e San Tomé, o patrón da parroquia, o 22 e 23 de decembro.

A inundación dos Vaos, Pazos, Castrerón, O Ribeiro de Baixo e de Riba e boa parte do Niñán supuxo a desaparición da maioría das terras e da poboación desta milenaria comunidade. A única aldea que non se viu afectada foi Abeleiras. O Niñán perdeu as mellores terras de labranza pero quedoulle bastante monte e moitos dos seus habitantes decidiron erguer as súas casas nunha cota máis alta e continuar na parroquia. Tres veciños de Pazos fixeron outro tanto no monte que se viu libre do encoro. En calquera caso a freguesía perdeu arredor das tres cuartas partes da súa poboación orixinal.

Diante desta situación o arcebispado de Santiago era partidario de agregar o lugar de Abeleiras e o que quedaba do Niñán e de Pazos á parroquia de Alborés e suprimir a dos Vaos. A veciñanza, aínda que nun principio se atopaba dividida entre defender a continuidade da freguesía ou unirse á de Alborés; pouco a pouco foise posicionando a favor de trasladar a igrexa e así asegurar a pervivencia da parroquia.

KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA
O cruceiro pequeno coa casa do Alvite ao fondo, propiedade da familia que doou os terreos para a construción de todo o complexo parroquial.     

Un dos que maior esforzo fixo para que isto se conseguira foi Faustino Riveiro (o Alvite do Niñán), un dos maiores opositores á construción do encoro e ás escasas compensacións monetarias dos bens asolagados que realizou a empresa promotora da obra: Carburos Metálicos. El foi o que cedeu os terreos na paraxe de O Bispeiro que hoxe ocupa a igrexa e aos que foi trasladada arredor de 1964/65. Esta transposición non foi total, só se reconstruíu a fachada e de maneira incompleta. No resto do edificio aínda que se aproveitou algunha pedra do vello templo, o resultado está moi afastado do tamaño e da estrutura do mesmo.

A fidelidade ao estado orixinal que non se respectou na igrexa si foi observado no traslado dos cruceiros. O pequeno componse dunha plataforma de tres chanzos, un pedestal de base circular, cos cantos superiores rebaixados a bisel e co pousaduiro apegado. O varal e o capitel son de sección octogonal, este último animado por un crecente xogo de molduras. Coroa o conxunto unha cruz sen imaxes, cos extremos en forma de pétalos de flor e con botón central.

O cruceiro grande está composto por unha plataforma de catro chanzos, un pedestal cuadrangular rematado en chafráns e un varal de rico e variado desenvolvemento: iníciase cunha parte de base cadrada, continúa ata a metade aproximadamente cunha sección octogonal, e remata con outra cilíndrica. O capitel está vistosamente decorado con volutas, formas vexetais e cabezas aladas de anxiños. A cruz organízase con brazos cuadrangulares, con mediacanas e, coma no caso do cruceiro pequeno, ten remates en forma de pétalos de flor con botón central. A figuración está composta polo Crucificado e pola Virxe en actitude orante. As dúas imaxes son de moi boa factura: Xesús xa morto, unido á cruz unicamente polas mans e os pés e co resto do corpo separado da mesma, loce unha moi axustada anatomía e unha expresión facial moi convincente. Súa nai con rosario e mantela, en recollida serenidade, reza e intercede polo seu fillo e pola humanidade sofrinte. Este cruceiro como consta na inscrición situada na parte baixa do varal, foi realizado no ano 1733 por devoción do cura da parroquia: D. Juan Rodríguez Faxín. En resumo, dúas pezas, cada unha dentro da súa categoría, de coidado feitío e cargadas de harmoniosa expresividade.

No Bispeiro, que toma o seu nome de diferentes posesións que nestas terras tiña o arcebispo de Santiago, tamén se atopa o cemiterio parroquial ao que os veciños que permaneceron na freguesía trasladaron os seus mortos dende o vello camposanto dos Vaos. Os outros leváronos os seus descendentes para os destinos nos que atoparon acomodo. Dende esta paraxe elevada poderíanse divisar os lugares polo que hai algo máis de cincuenta anos discorrían os caudais do Xallas, do río de Vacarreiro ou do río de Abeleiras; hoxe inundados pola inmensa masa de auga do embalse. Debaixo tamén quedaron OS VAOS ( lugares de pouca auga que permitían vadear sen perigo os ríos dunha a outra beira), e que están na orixe do nome da parroquia. Unha parroquia que pese a tódalas circunstancias que provocaban a súa desaparición, non se rendeu e decidiu pelexar pola súa supervivencia. Teño que manifestar o meu agradecemento a Pepe do Condiño de Quintáns, dende hai moitos anos casado en cas do Vinculeiro da Bouzas, pola moita e valiosa información que me facilitou sobre Os Vaos. Freguesía na que naceu e viviu a nenez e primeira xuventude, anos fundamentais na existencia de calquera persoa.

Primeiro plano do Crucificado de anatomía e expresión moi convincentes
Primeiro plano do Crucificado de anatomía e expresión moi convincentes

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.

 

Novas sobre Cruceiros

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

comentarios