Non máis plenos extraordinarios en Vimianzo
Cóntanos hoxe o grupo de Goberno do Concello de Vimianzo que o pleno extraordinario solicitado por catro concelleiros da oposición de Vimianzo non pode celebrarse por excederen o número de solicitudes contemplado pola Lei.
Explican que o pasado 31 de maio catro concelleiros da oposición do concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez (IxV), José Manuel Rodríguez e Montserrat Vázquez (do grupo dos non adscritos) e Juan Carlos Amado (PP) presentaban unha solicitude no rexistro para convocar un pleno extraordinario no concello. A Lei Reguladora de Bases do Réxime Local contempla que a solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario poderá ser subscrita pola cuarta parte dos membros da corporación, cun límite máximo, por cada concelleiro, de tres anuais; "tres dos catros concelleiros solicitantes da convocatoria exceden o número de solicitudes contempladas na Lei, o que imposibilita a convocatoria do mesmo, xa que a sinatura do único concelleiro que non as excede, non é suficiente para convocalo", indica o goberno.
O alcalde de Vimianzo considera "unha irresponsabilidade por parte dos concelleiros presentar esta solicitude, cando os concelleiros deben ser coñecedores da lei que regula a administración local, sabendo perfectamente que esgotaran as posibilidades de convocar un novo pleno”.
Asegura o alcalde que "actualmente no concello de Vimianzo vénse celebrando un pleno mensual debido á petición da oposición, non entendemos que se solicite a convocatoria doutro pleno extraordinario a maiores, a non ser que sexa para ocasionar un gasto extra e innecesario ás arcas municipais”, di o alcalde.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Grupo de Goberno do Concello de Vimianzo.