Nove alumnos inician as prácticas do FP de Soldadura en Gerca
Esta semana, a comprometida Gerca acero y metal daba a benvida a nove alumnos do ciclo de Formación Profesional Dual de Soldadura e
Caldeirería do IES Fernando Blanco. Nove rapaces da comarca inician o seu período de prácticas na empresa vimiancesa, no marco dun programa, pioneiro na Costa da Morte, que foi posible grazas ó esforzo conxunto do centro educativo ceense e a empresa soneirá para ampliación da oferta formativa na zona.
Así durante os próximos meses, ata o 31 de xullo, estes estudantes formaranse nas instalacións de Gerca , no parque empresarial de Vimianzo, aplicando os coñecementos adquiridos na aula, nun entorno de traballo real. Esta primeira fase de prácticas completarase o próximo ano cunha segunda parte, consolidado así un modelo de aprendizaxe que combina a formación teórica e a experiencia práctica.
A FP Dual de Soldadura e Caldeirería do IES Fernando Blanco, con esta segunda edición, representa unha aposta firme pola integración das novas xeracións ao mercado laboral, permitíndolles adquirir as competencias necesarias para o seu futuro profesional. Dende Gerca, reafirman o seu compromiso coa formación e o desenvolvemento do talento local, e mostran a súa intención de seguir participando neste proxecto nos próximos anos.