Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os pinchos irmandiños e a feira artesanal botan a andar o XVIII Asalto ao Castelo

Os pinchos irmandiños e a feira artesanal botan a andar o XVIII Asalto ao Castelo
Imaxe da Feira Artesanal do Asalto ao Castelo

Xa está en marcha toda a comunidade irmandiña. O Asalto ao Castelo de Vimianzo 2013 está en marcha, cun ollo posto xa no 6 de xullo. E as dúas cousas coas que compre empezar, son os pinchos e a feira.

Así, a A.X. Cherinkas envía a primeira chamada de atención para todos aqueles locais de Vimianzo que queiran sumarse á iniciativa dos Pinchos Irmandiños. Ademais, informa de que abre o prazo para inscribirse na Feira Artesanal.

VI Xornadas de Pinchos Irmandiños

Xa na súa VI edición, estas xornadas gastronómicas durante a semana do Asalto ao Castelo vanse facendo cada vez máis populares e sitúanse como unha das actividades de maior demanda e importancia dentro da festividade.
A asociación xa convocou a todos os participantes da última edición a esta primeira reunión dos Pinchos Irmandiños 2013, aínda que non lle pechan as portas aos que se queiran subir ao carro este ano. A cita terá lugar o mércores 17 de abril ás 21h na Casa da Cultura.

III Feira Artesanal

Un ano máis, a asociación busca aumentar a popularidade da Feira Artesanal. Xa na súa terceira edición, a feira celebrarase o mesmo sábado do Asalto. Ao ser unha das principais actividades do programa volverá a situarse no corazón da vila: na praza do Concello e ó longo da rúa Vázquez Mouzo. Esa fin de semana a feira dará vida á zona e contaxiará o talento artístico dos artesáns que a forman a todos os asistentes.

Máis información e inscricións

O prazo xa está aberto para todo aquel que queira montar o seu propio negocio na Idade Media. O espazo para montar os postos é gratuíto, mais as persoas interesadas deben saber que non se aceptarán postos de comida ou bebida. As únicas esixencias son, por unha banda, inscribirse antes do martes 2 de xullo e, tamén, limitar o posto de exhibición e venda a unhas medidas máximas de 3 metros de ancho. Débese incluír neste apartado un aspecto importante para os participantes: é aconsellable que se vistan ao xeito do Medievo, co fin de non desentoar no ambiente da festa.
Existen dúas vías de inscrición: unha de forma telemática a través da ficha que está colgada na páxina web da festa www.asaltoaocastelo.org e outra de forma presencial no Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo (Casa de Cultura de Vimianzo) onde atoparán os formularios de inscrición impresos (os cales tamén os poden descargar por si mesmos na mesma páxina web).

Máis información

Novas relacionadas

Novas festivaleiras

Fonte

Comentarios