Preguntando pola volta ás obras da Autovía

Esta semana o Conselleiro de Medio Ambiente enviaba unha carta á Neria na que aseguraba que este verán se retomarán as obras da Autovía Costa da Morte, no treito Carballo-Baio. Unhas obras que xa levan case 2 anos paralizadas, e que a Xunta prometera o pasado decembro retomar a primeiros de ano.

Desta volta é o alcalde de Vimianzo o que enviaba unha carta ao Conselleiro valorando a situación. Manuel Antelo sinala que solicitou, xunto con outros alcaldes, unha entrevista co Conselleiro en setembro de 2013, "non obtendo resposta algunha". Pero Antelo centra a súa crítica no feito de que as obras se retomarán só no treito Carballo-Baio, deixando o sur da bisbarra orfo dunha infraestrutura tan necesaria.

Critica a gran afección das obras a medio facer na paisaxe da comarca de Soneira. "Que explicación van ter os veciños e veciñas de Vimianzo sobre a explanación levada a cabo, sobre as expropiacións realizadas, sobre camiños e accesos cortados e sobre cursos de auga que foron variados para unha obra que non vai ser realizada?", pregúntase o alcalde vimiancés, temendo que esta "paralización sen horizonte" vaia "camiño do abandono".

Espera pois que manteña informados aos veciños da zona, que poña data e lugar para a entrevista.

Novas relacionadas

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).