O SEMESCOM presentou alegacións contra os dous proxectos dos parques eólicos que ameazan os Penedos
Novos rexeitamentos aos proxectos eólicos do “Monte Chan” e da “Pena dos Mouros”. Desta vez, é o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) o que vén de enviar á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia alegacións en contra do documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques. A súa grave afectación aos espazos naturais dos Penedos de Pasarela e Traba e aos seus veciños do Piñeo da serra da Pena Forcada, é a chave.
O SEMESCOM e a Plataforma Salvemos os Penedos invitan á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a “que transforme esta ameaza contra os Penedos nunha oportunidade inmellorable para recuperar o Plan de Conservación dos Penedos”, esquecido dende hai 12 anos.
Alegacións contra o proxecto eólico Monte Chan
Contra o de Monte Chan ofrecen razóns lexislativas; científicas e naturais; históricas, culturais e literarias; económicas; e mesmo Didácticas.
Que os Penedos estean declarados Paisaxe Protexida é algo fundamental: “impacto visual dos xigantescos aeroxeradores de 90 m a 150 m de altura (sen contar as aspas) que se pretenden instalar, tres veces máis altos ca Torre de Hércules da Coruña ou cá fachada do Obradoiro da catedral de Santiago”.
O apartado das razóns científicas e naturais céntrase primeiro nos estudos xeolóxicos, pois os Penedos de Pasarela e Traba xa interesaran no séc. XIX ao famoso enxeñeiro hispano- alemán Guillermo Schulz, e no XX ao xeólogo Isidro Parga Pondal, para finalmente pasar ao recente estudo científico pormenorizado do Prof. Dr. Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) -resumido nas alegacións-, que as denominou “formas graníticas únicas no mundo”.
O Semescom pon 12 páxinas sobre as razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias. Tamén ofrecen razóns económicas centradas sobre todo no turismo.
Alegacións contra o proxecto eólico Pena dos Mouros
Contra o P.E. “ ́Pena dos Mouros” o Semescom tamén presentou alegacións, que neste caso se centraron en razóns lexislativas, científicas, naturais e paisaxísticas, pois afecta, polo oeste, á área Protexida, e invalidarían a chamada Ruta dos Penedos do Piñeo que propoñen varias guías turísticas, que se desenvolve no primeiro tramo da Serra da Pena Forcada, que vai bordeando a costa a mar aberto desde Pasarela (Vimianzo) e Mórdomo (Laxe) a Camelle (Camariñas); ruta que conta con espectaculares penedos -no informe adxúntanse fotografías- con nomes tan suxerentes como A Capela de Lucas, A Pena dos Mouros. O Castelo, Pena Tellada, Pena Orelluda, Pedra do Frade ou do Home ou Pena da Aiga.
Ademais, este afectaría dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo.
Novas sobre Os Penedos
- O BNG oponse ao PE Monte Chan, “unha ferida de morte na paisaxe dos Penedos”.
- Constitúen a Plataforma Salvemos os Penedos.
- 22-02-2021: O BNG de Laxe presenta unha moción para que o pleno rexeite os Parques Eólicos de Monte Chan e Pena dos Mouros.
- Xan Fdez. Carrera: Novo ataque á Costa da Morte.
- 18-02-2021: Os Concellos de Laxe e Vimianzo plántanse ante o parque eólico Monte Chan pola súa afectación aos Penedos.
- PE Monte Chan: Adiante Vimianzo e BNG presentan alegacións ao PE Monte Chan por afectar á Paisaxe Protexida dos Penedos.
- PE Monte Chan e Pena dos Mouros: A veciñanza de Laxe denuncia dous proxecto eólicos sobre Laxe, Camelle e Vimianzo.
- Xaneiro 2020: Vimianzo e Laxe únense de novo para esixir que a Xunta comece o Plan Estratéxico dos Penedos.
- Novembro 19: Os Concellos de Laxe e Vimianzo retoman, en serio, o proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela.
- Decembro 2018: Os Penedos xa ten imaxe para o seu póster.
- Novembro 2018: 10 anos despois a Xunta comeza a traballar no Plan dos Penedos.
- Setembro 2018: Os penedos cobran vida.
- 2018: Laxe e Vimianzo únense para reivindicar os Penedos como #moitomáisquepedras.
- 2018: Augusto Pérez-Alberti: “É lamentable que a Xunta non fixera nada dez despois da declaración dos Penedos de Traba e Pasarela como Paisaxe Protexida”.
- 2018: Unindo forzas entre Concellos para salvar os Penedos
- 2016: O SEMESCOM presenta dous calendarios para o 2016 con imaxes dos Penedos de Pasarela e Traba.
- 2014: Vimianzo esixe o Plan de Conservación dos Penedos de Traba e Pasarela.
- Os vídeos da Semescom: Os penedos de Traba e Pasarela.
- 2009: Os Penedos de Traba e Pasarela son oficialmente Paisaxe Protexida.