Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XV): As Lacenas de abellas (e II)

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe comezamos unha serie sobre as lacenas de abellas.
Lacenas de Abellas de Berdoias
Tesouros de Berdoias (XV): As Lacenas de abellas (e II)

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS
CONSTRUCIÓNS DE CRÍA E HABITACIÓN DE ANIMAIS:
AS LACENAS DAS ABELLAS EN BERDOIAS (e II)

Na parroquia de Berdoias lévanse localizadas un total de 99 lacenas das que, na actualidade, tan só 16 aínda teñen abellas.

Distribuídas por lugares: Sta. Cristiña ten 23 lacenas, Berdoias 18, Boallo 17, Grixoa 17, Romar 12, A Casanova 3, A Bouza 3, O Rego dos Podres 3, A Pedra do Frade 2, e O Petón 1 lacena.

- OS SOPORTES nos que se atopan instaladas maiormente as lacenas da parroquia son paredes de vellas casas-vivenda, das cortes, cabaneis, cabanas…, a maioría delas orientadas cara o Leste, e sendo variable o número de lacenas por soporte: desde unha, ata catro por fachada en Grixoa , e mesmo ata un máximo de cinco por fachada en Sta. Cristiña.

- Con respecto ás FRONTES, esas lousas verticais que pechan as lacenas de abellas polo exterior, adoitan ser lisas e en consonancia co resto da fachada. Hai veces en que as lacenas aparecen máis salientadas, exentas do recebo. E se ben, na case totalidade, cada lousa frontal exterior correspóndese cunha lacena, atopamos catro casos ( en Grixoa, Sta Cristiña, e Boallo) nos que unha mesma lousa frontal comparte polo interior dous ocos de lacenas, independientes.

- Sobre os TOPETES, a maior parte das lacenas téñenos máis ou menos pronunciados e coa función de tornachuvias, aínda que hai tamén exemplares, sobre todo no lugar de Berdoias, que non teñen topetes.

- Con ABEIROS OU ABRIGOS LATERAIS, tan só atopamos nunha fachada en Boallo exemplares de tres lacenas con eles, os laterais esquerdos, coa función de tornaventos e tornachuvias para protexer dos vendavais a entrada e saída das abellas.

- SOBRE OS POUSADOIROS. aínda que hai algunhas lacenas sen eles, normalmente nas da parroquia teñen esa lousa que fai de soleira e que sobresae ó exterior formando un pousadoiro para as abellas, e que unhas veces é liso e corrido ó longo da fronte, e noutras é puntual, só por baixo da piqueira. Polo menos en seis exemplares atópanse pousadoiros puntuais ornamentados, con molduras ou con rostros humanos ( catro nunha fachada dunha casa-vivenda en Grixoa , e dous nunha de Santa Cristiña).

- Con respecto ás PIQUEIRAS, os pequenos buratos de entrada e saída das abellas, hainas simples, e algunhas dobres ou triplas. Na case totalidade consisten en pequenas ampliacións na entrada, de aspecto moi sinxelo. Hai unha piqueira enmarcada cunha moldura, na Pedra do Frade

REUTILIZACIÓN DAS LACENAS: si ben é certo de que moitas das lacenas da parroquia desapareceron e outras quedaron sumidas no abandono, tamén hai un número apreciable de casos de lacenas que locen restauradas, e mesmo reutilizadas para outros menesteres.

Vídeo dunha lacena con abellas, en Boallo.

 


Lacenas salientadas en Romar, aínda hoxe con abellas

5 Lacenas en Boallo copia
Lacenas en Boallo

6 Lacena en Berdoias, sen topete, sen abeiros laterais, e  sen pousadoiro desenvolvido copia
Lacena en Berdoias, sen topete, sen abeiros laterais, e  sen pousadoiro desenvolvido

7  Pousadoiros  ornamentados, en Grixoa e Sta. Cristiña.  copia
Pousadoiros  ornamentados, en Grixoa e Sta. Cristiña. 

                               Fachada con  cnco lacenas, en Sta. Cristiña


Na Pedra do Frade, unha lacena de abellas, reconvertida.

10 Lacena reconvertida, en Berdoias copia
Lacena reconvertida, en Berdoias

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios