Vimianzo posibilita a conciliación familiar grazas ao Vimiverán

A pleno rendemento funcionan xa os campamentos do Vimiverán, a proposta do Concello de Vimianzo para favorecer a conciliación. A actividade, dirixida aos nenos e nenas do municipio, celebrarase ao longo dos meses da tempada estival. Durante as mañás de luns a venres, os nenos e nenas de 4 a 12 anos disfrutan de actividades didácticas en lugares como o Castelo de Vimianzo, tendo unha elevada demanda, pois xa se cubriron o 80% das prazas ofertadas.
“Moitas familias transmitíronnos a súa preocupación pola conciliación ante a crise sanitaria, na que moitas actividades infantís quedaron canceladas”, explica a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez. “Por este motivo, desde o Concello nos puxemos mans á obra, para dar unha resposta rápida e con garantías a esta petición tan demandada polas familias do noso municipio. Co Vimiverán ofrecemos unha posibilidade para conciliar, na que os nenos aprenden xogando, e que conta coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos nenos ante a pandemia”, concluíu.
A actividade, que oferta un total de 100 prazas, dividirase en quendas co obxectivo de adaptarse aos tempos actuais nos que garantir a saúde dos pequenos e pequenas é chave. Actualmente estase a levar a cabo a primeira quenda (do 1 ao 17 de xullo), e as próximas desenvolveranse do 20 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto e do 17 ao 28 de agosto. A iniciativa lévase a cabo de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Por primeira vez, o Vimiverán realízase en diferentes parroquias do municipio, atendendo ás peticións. Esta primeira rolda está a facerse en Vimianzo e Baíñas.
Outras novas sobre Conciliación
- Os Concellos deben ofrecer durante polo menos 3 meses a opción do teletraballo.
- Faladoiros Feministas: “É urxente que se leven adiante políticas reais e efectivas de conciliación e de coidado das persoas maiores” .
- DirectosQPC: O mercado laboral no punto de mira no faladoiro feminista dos #DirectosQPC.
- DirectosQPC: A feminización dos coidados xa estaba, non a trouxo o Covid".