venres. 07.02.2025
El tiempo

Abre o prazo de inscrición da nova edición da Universidade Sénior da Costa da Morte

Alumnado da Universidade Senior Costa da Morte 2024
Alumnado da Universidade Senior Costa da Morte durante o curso do ano pasado
Abre o prazo de inscrición da nova edición da Universidade Sénior da Costa da Morte

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha en 2025 a 7ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para adultos maiores da Costa da Morte. Este proxecto conta coa financiación da Xunta de Galicia e a colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural “Costa da Morte” e o Concello de Zas, e desenvolverase entre febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio (Zas).

A inscrición, gratuíta, estará aberta do 24 de xaneiro ao 5 de febreiro e poderá realizarse de xeito on-line a través do espazo web UDC Sénior Costa da Morte  ou presencialmente a través dos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) dos concellos participantes.

Programa

O programa consta de tres módulos, con sesións teóricas e prácticas, impartidas, en dous días á semana, de 17 a 19 horas, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas:

MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS

  • 11 de febreiro: “A Dirección Artística no Cine”, Profa. Victoria de León Sanjuán
  • 12 de febreiro: “A Xestión do Común: unha visión desde a economía e os cómics”, Prof. Manuel Gómez Suárez
  • 18 de febreiro: “Literaturas do Mundo: unha viaxe á orixe dos libros”, Profa. Elena Martín Cancela

MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA

  • 25 de febreiro: “(Bio)invasións en Galicia: mecanismo, impacto e xestión”, Prof. Sergio Rodríguez Roiloa
  • 26 de febreiro: “ADN Antigo e Evolución Humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes”, Profa. Gloria Mª González Fortes
  • 5 de marzo: “Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas”, Prof. Álvaro Michelena Grandío

MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE

  • 11 de marzo: “Enfermidades Cardiovasculares e Diabetes”, Prof. Luis Saleta Canosa
  • 12 de marzo: “O Cambio Climático: causas e consecuencias”, Prof. Salvador Fojón Polanco
  • 18 de marzo: “Boas Prácticas para o Coidado do Benestar Psicolóxico”, Prof. Carlos Freire Rodríguez

O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 19 de marzo de 2025.
 
Máis novas

Comentarios