Polo San Martiño, volve en Zas o peón ao camiño!
Con alegría recibimos de novo na comarca á familia de Brinquedia, rede galega do xogo tradicional. A entidade que mellor coida o noso patrimonio lúdico celebra a XVIII edición do Día do Peón en Zas.
Co lema, "Polo San Martiño, peóns ao camiño!", este 11 de novembro desenvolverase unha completa xornada interxeracional que busca normalizar a práctica dos xogos de toda a vida entre a sociedade e neste caso en particular, o xogo do trompo na rapazada.
A convocatoria anual designa un concello no que se deselvolve o Acto Central. Na rotación polos diversos concellos galegos neste 2024 o elexido foi o de Zas.
O acto central terá lugar na Praza Jorge Mira, Baio (Zas). Consistirá nun lanzamento colectivo de peóns e bailaretes coa comunidade educativa do CEIP Labarta Pose e o CPI de Zas. Tamén haberá outras actividades, todas elas relacionadas co enredo do peón. O manifesto, que xa podedes ler aquí, está feito por Stevo de Zas, mestre xubilado do CPI de Zas, e alma do pinpon da Costa da Morte.
A convocatoria volve a traspasar fronteiras como en anos anteriores e acompañarannos neste día a Ikastola Alkartu de Barakaldo, O Centro Galego de Bizkaia, a Asociación Mas Madera de Cantabria e os Amics de la Baldufa de Catalunya, Balears e País Valenciá.
Tamén na rede
Como nas edicións anteriores, o colectivo convida aos centros educativos, asociacións, administracións e peroas de a pé a que se fagan cun peón e o poñan a bailar conxuntamente nun espazo público este luns 11 de novembro, subindo fotos ás redes sociais coa etiqueta #DíaDoPeón2024.