Mércores. 17.07.2019
El tiempo

O SEMESCOM recupera o nome do río do Porto

Lema Suárez, Xan Fdez. Carrera, Moncho Gándara e Evaristo Domínguez na presentación do Libro do Río da Ponte do Semescom
Lema Suárez, Xan Fdez. Carrera, Moncho Gándara e Evaristo Domínguez na presentación do Libro do Río da Ponte do Semescom
O SEMESCOM recupera o nome do río do Porto

O pasado 2 de marzo presentouse en Baio o libro “O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira”, nun acto presidido polo alcalde Manuel Muíño e que contou coa presenza de 50 persoas, algunhas chegadas das comarcas veciñas de Bergantiños e mesmo desde Santiago. Trátase dunha publicación do Seminario de Estudos da Costa da Morte, que contou cunha axuda dos Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas.

Os catro autores falaron no acto sobre o contido do libro, ó tempo que se proxectaban na pantalla diversas vistas. A introdución xeral correspondeulle a Xan Fdez. Carrera, que fixo fincapé en que o río era o elemento natural cohesionador da Terra de Soneira, pois, aínda que ten as súas fontes -pola parte oriental do Bico de Meda (566 m, o máis alto da comarca)- en terras bergantiñás (parroquia de Cuns-Coristanco) e xalleiras (Santa Sabiña-Santa Comba), en poucos quilómetros se transforma nun río enteiramente soneirán, pois atravesa de leste a oeste os concellos de Zas e Vimianzo para desembocar no de Camariñas, onde conforma a ría deste nome. Incluso todos os afluentes da súa cunca (os principais, os da súa marxe esquerda), están comprendido dentro dos lindeiros soneiráns. O río ten 47,47 km de percorrido e foi e aínda é moj aproveitado.

Portada Libro do Rio do Porto do SEMESCOM

Os nomes do río ó longo do tempo

Xosé Mª Lema expuxo por medio de mapas antigos de Galicia os distintos nomes que tivo o río a través dos séculos ata os tempos actuais: desde o nome latino de “Vir fluvius” que, segundo historiadores dos séculos XVII e XVIII tivera no tempo dos romanos, ata o aséptico “río Grande” que impera hoxe nos letreiros oficialmente, pero que non foi para nada o nome tradicional que, segundo os mapas de finais do séc. XVIII e do XIX estaba relacionado coa vila da súa desembocadura: A Ponte do Porto. O cartógrafo Tomás López no seu mapa de Galicia de 1784 denomínao “río de la Puente”, e en 1834 outro cartógrafo, Domingo Fontán, autor do primeiro mapa moderno de Galicia, chámao “río del Puerto”. Estes van ser os nome máis repetidos, prevalecendo o segundo no séc. XX, xa galeguizado en “río do Porto” por Otero Pedrayo e outros xeógrafos galegos. A aparición “misteriosa” de “río Grande” non se dá ata ben entrada a segunda metade do séc. XX, un nome nada identificativo, pois “ríos grandes son todos con respecto ós seus afluentes”.

Área recreativa de Pedra Vixía (Baio) Foto X.Mª Lema

Área recreativa de Pedra Vixía (Baio) Foto X.Mª Lema

Descrición dos tres cursos: alto medio e baixo

Evaristo Domínguez falou despois do percorrido polo curso alto (do nacemento á ponte do Sisto-Gándara), deixando un gran sabor de boca e ansia de visitar este tramo de gran valor paisaxístico, coas fervenzas do Rabiñoso e de Budián, completado coas vistas desde o Bico de Meda, desde onde se chega a albiscar incluso o monte do Pindo. Salientou que precisamente iso é o que pretenden os autores con esta publicación: facer percorridos de sendeirismo nos diversos tramos; no libro indícase no que hai de interesante para ver en cada un deles (paisaxes naturais, construcións etnográficas, edificios históricos, festas etc.).

Xosé Mª Lema ocupouse da descrición do tramo medio, o máis longo (da ponte do Sisto á do Albardeiro-Calo), polo que o río discorre mainamente por terras chás na súa maior parte. Salientou lugares de encanto especial como a zona dos Muíños do Allo, a marabillosa e pouco aproveitada área recreativa de Pedra Vixía (na desembocadura do río de Zas no Porto, en Baio), a Carballeira da Devesa de Baio, o conxunto etnográfico do Mosquetín (Salto) ou ponte coma as da Cacharosa (1898), a de Baio (1853), a de Torelo (1868), a de Pasarela (1830) ou a da Furaqueira (1916).

Aínda que se mostraron imaxes, a descrición polo miúdo do curso medio-baixo e do baixo, resérvanse para as presentacións pendentes de Vimianzo e Camariñas.

Os múltiples aproveitamentos do río do Porto

Finalmente, Moncho Gándara centrouse nos aproveitamentos do río, sobre todo nos 277 muíños localizados polos autores, a maior parte en ruínas, pero algúns aínda en activo ou restaurados polos veciños. Citou o caso exemplar da A. de VV. A Fonte de Fornelos (Baio), un exemplo que habería que seguir, pois restauraron todos os muíños do seu regato, algúns dos séculos XVII e XVIII. O río do Porto tamén conta no seu tramo derradeiro co único muíño de mareas do ámbito da Costa da Morte: o das Torres de Cereixo, datado no séc. XVII. Entre os aproveitamentos, tamén hai ou houbo varias piscifactorías, centrais eléctricas (a principal, a de Carantoña) e puntos de abastecemento de auga para os tres concellos soneiráns e, así mesmo, para o bergantiñán de Laxe.

Este libro é pioneiro no estudo monográfico dun río, quizais en toda Galicia, como tamén o fora no seu día A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Edicións Xerais, 2010), neste caso para o estudo dunha comarca, obra na que participaran tres dos catro autores. Os membros do Seminario de Estudos da Costa da Morte unha vez máis abrindo camiños. No acto anunciouse que se está traballando na elaboración dun libro semellante para o río Anllóns, o da comarca de Bergantiños, na que participan Evaristo Domínguez e Xan Fernández.

Contraportada Libro Semescom Rio do Porto

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Comentarios