O tanatorio municipal de Zas podería estar listo a comezos de verán
Unha das vellas demandas da veciñanza de Zas podería estar xa operativa a comezos do verán deste 2019. As obras do Tanatorio de Zas, situado ao carón do Campo Municipal San Andrés. avazan a bo ritmo despois de dous meses dende a adxudicación dos traballos á empresa Lires Cons S.L.
Un proxecto, de 454.484,94 euros, financiado enteiramente con fondos municipais, que leva anos en proceso. Xa en 2007, segundo denunciara o voceiro da oposición, fora unha promesa do alcalde, que presentou a maqueta do edificio en 2016.
É a obra máis importante dos orzamentos 2019, pois supón case o 10% do mesmo. O edificio terá unha soa planta, con máis de 330 metros cadrados útiles nos que se distribuirán dúas salas de velación completamente equipadas.
En canto á xestión, o goberno municipal aprobou no Pleno do pasado mes de setembro o inicio do proceso de municipalización do servizo para que a actividade poida ser competencia do propio Concello de Zas.
Novas relacionadas
- Decembro 18: Zas xa ten orzamentos para 2019.
- Setembro 18: Zas aproba a construcción do tanatorio nun agrio pleno.
- Decembro 16: O PP denuncia a paralización do tanatorio de Zas.