Imprimir

Incendio na Boca do Río: “Era unha bomba. Puido haber unha traxedia”

que pasa na costa | 06 de setembro de 2019

Momentos de gran tensión se viviron no incendio de Boca do Río
Momentos de gran tensión se viviron no incendio de Boca do Río
  • Hai aberta unha investigación para atopar ao suposto culpable

Unha vez que os medios de extinción, tras case 16 horas de loita, conseguían estabilizar o complicadísimo incendio forestal que arrasou 130 hectáreas en Fisterra, tiñan que desprazarse ás 18:00h da tarde cara a zona de Carnota.
Pouco antes, sobre ás 17:00h, houbo un conato, controlado rapidamente no Ézaro por unha brigada motobomba. Os incendiarios intentárono de novo ás 20:00h, cos medios saturados, e foron os veciños os que tiveron que sufocar o lume con caldeiros...

O da Boca do Río non foi unha broma. Foi un “lío dos grandes, era unha auténtica bomba”, explicábanos aínda nervioso o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido “Moma”. “Sorte que os medios, que debía estar aínda en Fisterra, viñeron de contado, porque era unha encerrona”, apunta. “Un pouquiño máis e hai desgracias, porque onde prenderon o lume había caravanas, coches… e acorraláronos a todo o mundo alí na area, e co vento en contra, o fume non deixaba ver nada”.

E menos mal que non había moita xente, nin moitos coches. Pero a meirande parte dos propietarios xa case os daban por perdidos. As autocaravanas puideron ser evacuadas a tempo, pero o susto das ducias de persoas que estiveron escoltadas por Policía Local, Protec. Civil, Garda Civil de Santa Comba, GES de Muros… foi tremendo.

Foron pouco máis de 2 horas de máxima tensión, aínda que ben a superficie afectada non é demasiada, si que puideron pasar cousas graves.

Esfolouse unha das xoias de Carnota

Incendio na Boca do Rio-Carnota

Suso López, da Policía Local lamenta, ademais do gran sobresalto vivido, a perda dun dos tesouros de Carnota. “Jodíusenos a xoia da corona, a Boca do Río, onde todos os visitantes queren chegar, onde aparcaban as caravanas…” De feito, A zona do piñeiral ten agoraba un aspecto “dantesco”.

Vista aerea do incendio de Boca do Rio Carnota

Investigación aberta

Segundo as primeiras investigacións, o lume puido comezar nunha zona moi descoidada que hai xusto enriba da área de autocaravanas. Pero co nordés, o lume rápido se propagou polo aparcamento e foi baixando cara a area.

Precisamente na área de caravanas, pode estar o fío para a investigación para atopar ao culpable do lume, algo ao que non estamos acostumados. Hai testemuñas de dous coches que aparcaron e marcharon rápido xusto na zona onde minutos despois comezaba a prender lume.

Os medios de seguridade da zona teñen experiencia, pois o ano pasado cazaron un suizo que prendera lume, coa súa barbacoa portátil, na zona de Cornido. O caso de hoxe parece diferente, e segundo as primeiras hipóteses o incendiario podería ser da zona.

”Isto hai que paralo. Hoxe en Fisterra… e por aquí xa levan 3 días intentando prender lume. Intentaron en Lariño, Mallou, Maceiras… pero gracias aos veciños se conseguiron controlar rápido”, explica o concelleiro de Cultura e Deportes Rafael Riveiro, que confirma que mañá vai quedar todo o acceso á Boca do Río pechado.

Novas relacionadas

Máis novas sobre incendios

NOVAS SOBRE PREVENCIÓN

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/carnota/incendio-boca-do-rio-era-bomba-puido-haber-traxedia/20190906225548112801.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA